Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actualidade > Novas > Nova

Nova

Representantes da USC e do Concello de Santiago visitaron o Verán CampUSC

[14/07/2021] A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e a concelleira de Santiago —responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade—, Mercedes Rosón visitaron aos participantes da terceira quenda do Verán CampUSC que se desenvolverá ata o 24 de xullo.

No Verán CampUSC de 2021 participan máis de 200 nenos e nenas nacidas entre 2004 e 2017, moitos deles inscritos en máis dunha quenda, de modo que se sumarán ao peche da edición máis de 500 inscricións.

A inscrición para a cuarta quenda —do 26 ao 30 de xullo— e mais a quinta  —do 1 ao 8  de setembro— aínda permanecen abertas con prazas libres.

O Verán CampUSC é un campamento urbano impulsado pola Fundación USC que busca posibilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral durante o período das vacacións escolares. O seu programa permite a iniciación a unha gran cantidade de actividades de ocio e tempo libre, xogos e deportes, atendendo ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das nenas e nenos.  

A edición 2021 mantén unha serie de medidas implantadas xa o pasado curso para facer fronte á actual situación sanitaria. Dende a organización, coordináronse con especialistas todas as medidas de seguridade, de prevención da saúde e de hixiene que a situación require para coidar ao máximo a saúde tanto dos participantes como do persoal que dinamiza o programa. Ademais, antes do inicio do programa, as familias participantes recibiron toda a información do desenvolvemento da actividade relativa ás medidas implantadas.

Rocío Bulnes da Fundación USC, a concelleira Mercedes Rosón, a vicerreitora Mar Lorenzo e o xerente da Fundación USC, Óscar Hermida no encontro cos participantes da terceira quenda do Verán CampUSC. [Fotografía: Santi Alvite]