Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actualidade > Novas > Nova

Nova

Grande éxito de participación na edición de 2012 do Verán CampUSC

[12/09/2012] A edición deste ano do Verán CampUSC tivo un grande éxito de participación e ofreceu, outra volta, un amplo catálogo de actividades que se viu enriquecido con novos obradoiros, visitas e novas prácticas deportivas. O número de participantes no Verán CampUSC aumentou un 18,6% respecto á edición de 2011.

Nas cinco quendas que se ofreceron do 25 de xuño ao 31 de xullo e do 3 ao 11 de setembro desenvolveu un amplo abano de actividades deportivas e de ocio e tempo libre, que foron planificadas atendendo a criterios psicopedagóxicos e estiveron animadas por un equipo de 14 monitores.

Algunhas das actividades deportivas do Verán CampUSC foron: tenis, deportes de combate, psicomotricidade, atletismo, deportes colectivos, orientación, xogos predeportivos, xogos populares… Dentro das actividades de ocio e tempo libre incluíronse diferentes obradoiros (pulseiras, máscaras, impresión á auga, etc.), cancións e xogos cooperativos.

Entre as novidades desta edición 2012 cómpre salientar que os nenos e nenas foron, unha vez por quenda, ás piscinas do Multiusos Fontes do Sar e visitaron as instalacións da Cidade da Cultura no monte Gaiás. Entre as novidades destacan asemade as actividades "Xoga co Xénero" e Esgrima.

Verán CampUSC 2012 foi posible grazas á colaboración da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, do Servizo de Deportes e da Oficina de Igualdade de Xénero da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade da USC. Foi igualmente decisiva a colaboración da Deputación Provincial da Coruña, da Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco, da Asociación Compostela Esgrima, da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, do Multiusos Fontes do Sar e das empresas Monbús e Cabreiroá.