Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

III Curso de iniciación ao running e técnica de carreira

Do 11 ao 28 de abril.
Cada ano xurden máis carreiras populares que teñen cada vez máis e máis participantes. Algúns son atletas profesionais ou federados, pero a maior parte da xente que participa nestas carreiras son afeccionados ao deporte sen ningunha formación deportiva ou preparación específica.

Estás preparando ben estas probas? Tes unha técnica de carreira correcta? Estás seguro/a de estar minimizando os riscos de sufrir unha lesión?

Os alumnos e alumnas participantes neste curso coorganizado pola Fundación USC Deportiva e o Servizo de Deportes da USC, adquirirán coñecementos sobre o adestramento e a adecuada práctica deportiva dos corredores orientado ás carreiras populares de entre 5 e 12 km e a súa preparación, así como métodos de adestramento, técnicas de carreira e estiramentos.

Destinatarios

O curso está orientado a todos aqueles corredores noveis maiores de 16 anos que desexan realizar unha práctica deportiva saudable e de forma axeitada. Trátase dun curso de iniciación.

Obxectivos

  • Aprender a gozar dunha práctica saudable e recreativa como corredor.
  • Coñocer pautas de alimentación, hidratación e calzado.
  • Asimilar conceptos sobre a anatomía e fisioloxía do corredor.
  • Adquirir unha técnica de carreira axeitada.
  • Programar sesións de adestramentos de forza específicos para corredores.
  • Practicar exercicios variados destinados á mellora da técnica de carreira. Coñocer as principais lesións dun corredor popular para poder  traballar na súa prevención a través de estiramentos e exercicios de rexeneración.
  • Coñecer a planificación e deseño de adestramentos orientados ás carreiras populares galegas de entre 5 e 12 km.

Contidos

Bloque teórico

  1. Anatomía e fisioloxía do corredor.
  2. Principio do adestramento e adaptación.
  3. Planificación do adestramento orientado ás carreiras populares (volumes, intensidades e control de carga).
  4. Alimentación e hidratación pre e post adestramento.
  5. Calzado e pisada do corredor.
  6. Prevención de lesións.

Bloque práctico

  1. Técnica de carreira.
  2.  Adestramento da forza orientada ao corredor.
  3.  Traballo rexenerativo/compensatorio.
  4.  Quecementos e estiramentos.

Docentes

Xabier Castro Gacio. Bloque teórico.

Xabier Castro é Licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e Máster en Actividade Física e Saúde. Está especializado en fisioloxía do rendemento e o adestramento deportivo. Na actualidade traballa como adestrador especializado en deportes de resistencia ademais de ser fisiólogo do exercicio no Centro Médico Quirón e no Centro S&C.

Xiana Guerra Arias. Bloque práctico.

Xiana Guerra é Licenciada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola Universidade da Coruña, Adestradora Nacional de Atletismo e Tríatlon e cursou un Mestrado en Prescrición da Actividade física en Patoloxías na UDC.
É adestradora dende o ano 2008 das escolas de atletismo do Club USC e ten experiencia en adestramento e planificación de corredores de fondo en diferentes categorías.

Como deportista participou en múltiples ocasións en Campionatos Galegos e de España na modalidade de lonxitude e valos acadando 3 subcampionatos nacionais como mellores resultados. Participacipou tamén internacionalmente coa Selección Española e coa Selección Galega Absoluta.

Datas de realización

  • Bloque teórico: 11, 13 e 15 de abril de 2016
  • Bloque práctico: 19, 21, 26 e 28 de abril de 2016

Horario

  • Bloque teórico: de 19:15 a 21:15 horas
  • Bloque práctico: de 20:00 a 21:30 horas

Lugar de realización

  • Bloque teórico: Biblioteca Concepción Arenal (Rúa dos Feáns, s/n; Santiago de Compostela)
  • Bloque práctico: Estadio de atletismo da USC (Avda. Novoa Santos, s/n; Santiago de Compostela)

Prezo

90 €

Número de prazas

  • Mínimo: 8
  • Máximo: 20

Inscrición

Pode inscribirse calquera persoa maior de 16 anos que o desexe. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición.

O prazo de inscrición comezará no momento da publicación do curso na páxina web da Fundación USC Deportiva.  Para inscribirse  utilizarase este  formulario on line. No caso de que o día 7 de abril non se teña chegado ao mínimo de participantes procederase á anulación do curso. De ter chegado ao mínimo de inscritos nesa data pero haber aínda prazas libres, continuará aberto o prazo de inscrición.

A inscrición considerarase feita unha vez cuberto o formulario e unha vez que se teña  recibido na Fundación o xustificante do pagamento do curso (no caso de optar polo pagamento a través da nosa páxina web non é preciso enviar este xustificante).

Forma de pagamento

Existen dúas formas de facer o pagamento:

  1. On line
  2. Facendo un ingreso ou transferencia nalgún dos seguintes números de conta e facéndonos chegar o xustificante escaneado ou traéndoo presencialmente á sede da Fundación.
  • Caixa Rural Galega: ES82 3070 0035 2660 6938 4920
  • Novagalicia Banco: ES07 2080 0388 2730 4000 0932
  • Correo electrónico: contacto@fundacionuscdeportiva.org
  • Enderezo: Edificio FEUGA (despacho 3). Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, 15705 Santiago de Compostela

Material necesario

No bloque práctico é necesario portar calzado e roupa aptos para levar a cabo as sesións.

Renuncia á praza e devolución dos ingresos

As cantidades pagadas só serán devoltas cando non se poida utilizar o servizo por causa de forza maior non imputable ao interesado. Estas causas deberán ser debidamente xustificadas na solicitude de devolución que se formule, debendo achegar a esta os documentos xustificativos que en cada caso correspondan. Fóra destes casos, non se efectuarán devolucións das cantidades pagadas.

Protección e seguridade dos datos

Informamos que os datos persoais que se faciliten serán incorporados a un ficheiro titularidade da Fundación USC Deportiva, ao abeiro do disposto na Lei Orgánica 15/1999 de Protección de Datos de Carácter Persoal, e co fin de xestionar as actividades e difusión dos eventos organizados pola Fundación, sabendo que se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, mediante unha petición escrita dirixida á Fundación USC Deportiva, Edificio FEUGA (despacho 3), Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, 15705 Santiago de Compostela.

A inscrición na actividade supón a aceptación e o compromiso destas normas.