Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Xornadas de Iniciación ao Sendeirismo e Baixa Montaña

31 de maio; 2, 9, 14, 15, 16 e 19 de xuño
A afección a saír a camiñar desfrutando da natureza crece ano tras ano, pero moitas veces falta información sobre como facelo correctamente. Ao fin e cabo, camiñar sabemos todos, non? Pois non é exactamente así. Estamos afeitos a escoitar novas nos medios de comunicación de rescates e incidencias de persoas que simplemente saíran a camiñar. Xa non se trata só de non chegar a eses extremos, senón de evitar sustos e que a nosa saída sexa o máis placentera posible grazas a unha boa planificación.

Aviso. Xa non  quedan prazas libres, pero se o desexas aínda podes inscribirte para formar parte da listaxe de agarda.

Os alumnos e alumnas participantes nestas xornadas adquirirán coñecementos sobre os materiais máis adecuados, técnicas de progresión, cartografía, orientación e, en xeral, aprenderán a planificar con seguridade as súas saídas.

Enfoque

Nestas xornadas de iniciación, dirixidas a calquera persoa maior de 16 anos interesada na temática, búscase que os participantes coñezan os aspectos básicos para saír a gozar do medio natural facendo sendeirismo. Co fin de facer as xornadas teóricas atractivas, estas serán o máis participativas posible.
As xornadas prácticas desenvolveranse en espazos naturais onde se poda poñer en práctica o aprendido previamente, o cal o convirte nun excelente xeito de adquirir unha boa base para desenvolver a actividade de sendeirismo.

Contidos das xornadas

Estas Xornadas de Iniciación ao Sendeirismo e Baixa Montaña están divididas en catro bloques. Pódese participar en todos os bloques ou inscribirse en bloques soltos, aínda que para a participación no cuarto é necesario ter participado como mínimo no segundo e no terceiro.

Bloque 1: Introdución. Materiais e conceptos teóricos. (6 horas)

  • Sendeirismo e Baixa Montaña. Definición. Onde practicalos.
  • Material. Roupa e material específico.
  • Técnicas de progresión. Ascensos e descensos en diferentes terreos.
  • Alimentación e hidratación.
  • Minimización dos riscos. Planificación. Seguridade no medio natural.
  • Impacto da actividade no medio ambiente. Como minimizalo.

Bloque 2: Técnicas de progresión. (3 horas)

  • Técnicas de progresión en diferentes terreos: herboso, pedregoso, lama, rochas…

Bloque 3: Cartografía e orientación. (8 horas)

  • Cartografía e orientación no medio natural.
  • Manexo de mapa e compás.

Bloque 4: O Pindo: xornada práctica. (8 horas)

  • Posta en práctica de todos os coñecementos adquiridos, tanto teóricos como prácticos.

* Para participar no Bloque 4 é imprescindible participar tamén no 2 e no 3.

Docente

Víctor Fidalgo Raposo. É Tecnico en Conducción de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural e leva dez anos guiando as rutas organizadas polo Servizo de Deportes da USC.

Datas, horarios e lugar de realización

Bloque 1: Introdución. Materiais e conceptos teóricos.

  • 31 de maio e 2 de xuño de 2016
  • Horario: 18:30 a 21:30 horas
  • Seminario 2.2 da Facultade de Ciencias Políticas. Avda/ Dr. Ángel Echeverri s/n. Campus Vida

Bloque 2: Técnicas de progresión.

  •  9 de xuño de 2016
  •  Horario: 18:00 a 21:00 horas
  •  Monte Pedroso

Bloque 3: Cartografía e orientación.

  • 14 e 15 de xuño de 18:00 a 20:30. Teoría no Seminario 2.2 da Facultade de Ciencias Políticas. Avda/ Dr. Ángel Echeverri s/n. Campus Vida.
  •  16 de xuño de 18:00 a 21:00. Práctica polo Campus Vida e o Monte Pedroso.

Bloque 4: O Pindo: xornada práctica.

  •    19 de xuño de 2016
  •     Saída en bus ás 9:00 horas. Hora de regreso aproximada: 19:00 horas.

Prezo

  • Bloque 1: 20 €
  • Bloque 2: 10 €
  • Bloque 3: 25 €
  • Bloque 4: 40 €
  • Inscrición nos 4 bloques: 80 €

Número de prazas

  • Mínimo: 10
  • Máximo: 15

Inscrición

Pode inscribirse calquera persoa maior de 16 anos que o desexe. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición.

O prazo de inscrición comezará no momento da publicación do curso na páxina web da Fundación USC Deportiva a través deste formulario on line.

No caso de que o día 27 de maio non se teña chegado ao mínimo de participantes procederase á anulación do curso.

De ter chegado ao mínimo de inscritos nesa data pero haber aínda prazas libres, continuará aberto o prazo de inscrición.

A inscrición considerarase feita unha vez cuberto o formulario e unha vez que se teña  recibido na Fundación o xustificante do pagamento do curso (no caso de optar polo pagamento a través da nosa páxina web non é preciso enviar este xustificante).

Forma de pagamento

Existen dúas formas de facer o pagamento:

  1. On line
  2. Facendo un ingreso ou transferencia nalgún dos seguintes números de conta e facéndonos chegar o xustificante escaneado ou traéndoo presencialmente á sede da Fundación.
  • Caixa Rural Galega: ES82 3070 0035 2660 6938 4920
  • Novagalicia Banco: ES07 2080 0388 2730 4000 0932
  • Correo electrónico: contacto@fundacionuscdeportiva.org
  • Enderezo: Edificio FEUGA (despacho 3). Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, 15705 Santiago de Compostela

Material necesario

  • Bloque 2: calzado e roupa de sendeirismo. Unha pequena mochila con auga e algo para picar.
  • Bloque 3: A organización proporcionará os mapas para traballar e un compás para cada dúas persoas. Os participantes deberán levar lápiz, goma de borrar e unha regra de 30 ou 40 cm. En caso de contar cun compás (brújula) tamén sería recomendable levalo, pero non é imprescindible.
  • Bloque 4: A organización proporcionará o mapa da zona e un compás para cada dúas persoas. Os participantes deberán levar roupa e calzado de sendeirismo ademais dunha mochila con auga e comida para o día. En caso de contar cun compás (brújula) tamén sería recomendable levalo, pero non é imprescindible.

Renuncia á praza e devolución dos ingresos

As cantidades pagadas só serán devoltas cando non se poida utilizar o servizo por causa de forza maior non imputable ao interesado. Estas causas deberán ser debidamente xustificadas na solicitude de devolución que se formule, debendo achegar a esta os documentos xustificativos que en cada caso correspondan. Fóra destes casos, non se efectuarán devolucións das cantidades pagadas.

Protección e seguridade dos datos

Informamos que os datos persoais que se faciliten serán incorporados a un ficheiro titularidade da Fundación USC Deportiva, ao abeiro do disposto na Lei Orgánica 15/1999 de Protección de Datos de Carácter Persoal, e co fin de xestionar as actividades e difusión dos eventos organizados pola Fundación, sabendo que se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, mediante unha petición escrita dirixida á Fundación USC Deportiva, Edificio FEUGA (despacho 3), Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, 15705 Santiago de Compostela.

A inscrición na actividade supón a aceptación e o compromiso destas normas.