Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Sendeirismo especial verán: Illa de Palma

Do 22 ao 28 de xullo de 2016.
Este ano, na saída especial do verán, viaxamos á illa de La Palma, qué un todo un referente para os amantes do sendeirismo. El Cubo de La Galga, o pico Bejenado, o volcán san Antonio e as salinas de Fuencaliente, a ruta de Los Volcanes, o Roque de Los Muchachos e o pico de Las Nieves son os engaiolantes destinos das camiñadas nesta tirada estival.

Datas e horarios

  • Datas: do 22 ao 28 de xullo de 2016.
  • Hora e lugar de saída: 07:30, no aeroporto de Santiago.
  • Hora de chegada: 23:40 aprox. o aeroporto de Santiago
  • Aloxamento: Hacienda San Jorge, en Los Cancajos, en réxime de media pensión.

A ter en conta

  • Imos facer unha actividade de sendeirismo durante varios días así que e importante estar acostumado a camiñar.
  • As rutas en xeral son de dificultade media e transcorren en zonas de montaña.
  • Compre levar calzado e vestimenta axeitada para facer sendeirismo.
  • Dada a situación xeográfica da illa e as características meteorolóxicas da mesma é moi importante a protección solar
  • A orde en que realizaremos as rutas dependerá das previsións meteorolóxicas, xa que algunha das rutas, baixo condicións meteorolóxicas adversas pode ser complicada.
  • Non é obrigatorio facer tódalas rutas, podedes quedar descansando en Los Cancajos algún día, ou facer outra cousa, pero será baixo a vosa responsabilidade.
  • A programación pode sufrir cambios ou variacións.
  • No hotel estaremos en réxime de media pensión, así que tendes que levar a comida para as rutas. En Los Cancajos hai algún pequeno supermercado onde poder mercar comida para as rutas.
  • En todo momento debemos seguir as indicacións dos monitores.

Actividades

El Cubo de La Galga

Para facer este sendeiro temos que desprazarnos a parte norte da illa, que é a máis húmida e a que rexistra unha maior cantidade de precipitacións. Isto fai que toda esta zona teña unha abondosa vexetación. Durante o percorrido podemos ver unha excelente mostra de bosque de laurisilva. Os camiños en xeral son bos (pistas e sendeiros). Pode haber algún punto esvaradío. Comeza no fondo dun barranco e nos leva ata a parte alta, onde hai un fermoso miradoiro, deste xeito gozamos do bosque dende dentro e dende fora. Logo só nos queda regresar ao comezo da senda.

Ao rematar a ruta desprazarémonos no bus para ver a zona arqueolóxica das covas do barranco de San Juan, e unha vez Visitadas, iremos as piscinas naturais El Charco Azul, onde poderemos darnos un baño e tomar un refrixerio. A media tarde regresaremos ao noso hotel.

Pico Bejenado

Nesta xornada nos acercaremos a parte leste da illa para achegarnos á Caldera de Taburiente polo sur.

Comezamos a ruta na Cumbrecita, miradoiro marabilloso onde nos deixará o bus. Aquí comezamos a camiñar facendo primeiro a Ruta dos Miradores e logo o ascenso ao pico Bejenado. Os dous percorridos nos permiten
facernos unha idea de como e a Caldera de Taburiente dende o punto de vista xeográfico. A ruta ten un alto interese natural e paisaxístico. Os camiños son bos en xeral, e pode haber algún punto concreto que sexa un pouco vertixinoso. Ao rematar a andaina visitaremos o centro de Visitantes do parque nacional.

Ruta do volcán san Antonio e salinas de Fuencaliente

Desprazámonos no autobús ao sur da illa, para visitar o centro de interpretación do Volcán San Antonio. Logo da Visita faremos un percorrido que nos leva case todo o tempo en descenso ata as salinas de Fuencaliente, sitio declarado de interese científico nacional. A ruta non ten dificultades e o camiño é moi bo. A paisaxe é totalmente volcánica.

A metade de camiño haberá opción de acadar o cumio do volcán Teneguía. O percorrido é curto, pero aumenta a dificultade xa que hai que axudarse coas mans nalgúns puntos que son vertixinosos.

A Visita ao centro de interpretación ten un custe que debe aboar cada participante alí mesmo (5 euros)

Pola tarde faremos unha Visita a bodega Teneguía, con cata de viños. Ten un custe de 5 euros, que aboará cada participante alí.

Ruta de Los Volcanes

A espectacularidade desta ruta e a beleza das súas paisaxes fan que sexa unha das máis coñecidas da illa.

E un percorrido longo, por zonas volcánicas, ainda que ao comezo atopamos zonas verdes, con bosques de piñeiros e brezos de gran porte. A maior dificultade da ruta é o desnivel de baixada que é moi longo, ainda que o trazado e o estado do camiño facilitan a labor.

Na parte última da ruta tamén son salientables os piñeirais.

Ten a ruta un altísimo interese natural e paisaxístico.

Roque de Los Muchachos. Pico de Las Nieves

Esta xornada acadaremos o punto máis alto da illa, o Roque delos Muchachos (2.421 m), que é onde nos deixa o bus e comeza a ruta. 0 percorrido vai todo o rato polo límite superior da Caldera de Taburiente entre paisaxes rochosas e abraiantes. A ruta vai pola cresta da Caldera, por un terreo rompepernas acadando diferentes cumios da mesma. Ten un alto interese natural, paisaxístico e xeolóxico.

Tendo en conta que durmimos tódolos dias ao nivel do mar, e acadamos a cota máis alta en autobús en menos de dúas horas, e probable que sintamos levemente os efectos da altura. Durante a xornada anterior os monitores explicarán os motivos do mal de altura e como previlos. Non ten que ser preocupante xa que a altura non é desmesurada, pero si é preciso ter certas precaucións.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.