Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de setembro

17 e 24 de setembro
En setembro volven as andainas con dous itinerarios litorais por Ferrolterra e Bergantiños.

Sábado 17. Costa de Ferrol. Doniños e Lobadíz

  • Lonxitude: 15km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: media
  • Hora de saída: ás 09:00
  • Hora de regreso: ás 19:30 aproximadamente.

Comezamos o curso visitando a costa de Ferrol. Faremos o percorrido nun dos seus máis importantes enclaves naturais: a zona de Doniños.

A ruta comeza na aldea de Fontá, na beira da lagoa de Doniños a cal rodearemos ata chegar á praia, preto de punta Penencia. Logo, xa pola area, percorreremos a praia de sur a norte ata a punta da Parede. Aquí tomamos un sendeiro que nos leva á beira do mar, por zonas de cantís, rodeando o monte de San Xurxo. Algún punto concreto pode ser un pouco vertixinoso. Ao chegar á praia de san Xurxo voltamos a Doniños polo interior do monte, entre zonas de monte baixo primeiro e fermosos piñeirais despois.

As dificultades da ruta veñen dadas polo terreo (avanzar pola area da praia é costoso) e algún que outro tramo un tanto incómodo, pero en xeral e unha ruta moi levadeira

A ruta goza dun enorme interese natural e paisaxístico.

Se o tempo e as condicións acompañan, ao final da ruta haberá tempo para darse un baño. Cómpre ter en conta que a praia de Doniños soe ter fortes correntes e ondada, polo que hai que extremar as precaucións.

Sábado 24. Camiño dos Faros. De Cabana de Bergantiños a Laxe

  • Lonxitude: 21km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-alta
  • Hora de saída: 09:00
  • Hora de regreso: ás 20:00

O curso pasado fixemos o Camiño dos Faros ata Cabana. Agora temos que continuar ata Laxe. Quizáis sexa esta a etapa menos costeira de todas, pero non por iso menos interesante.

O itinerario comeza mesmo en Cabana, no paseo marítimo. Ao pouco cruzamos a estrada para coller a senda que vai á beira do Rego dos Muíños. Pouco a pouco vai subindo monte arriba, ata chegar case ata o castro de Borneiro, sen dúbida unha das mellores mostras castrexas do país. Logo a ruta segue ata o dolmen de Dombate, tamén un dos mellores exemplos da cultura megalítica.

Máis adiante subimos o monte do Castro. Un mirador sublime sobre a ría de Corme e Laxe. Dende aquí temos que baixar, pasando polas aldeas de Arnela e Canduas,  para acadar novamente a costa. Esta segunda parte da ruta é totalmente diferente. Camiñaremos todo o rato por sendas de pescadores, pegados ao mar ata chegar a Laxe.

A ruta ten un altísimo interese natural, paisaxístico e cultural. Haberá tempo para visitar o castro de Borneiro e Dombate.

Se o tempo e as condicións acompañan, ao final da ruta haberá tempo para darse un baño na praia de Laxe, sempre con moita precaución.

Esta andaina é unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.