Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de outubro

15, e 29, 30 e 31 de outubro e 1 de novembro
Potente e engaiolante a oferta de camiñadas do mes de outubro. Unha ruta ao monte das Lampas, entre O Cebreiro e O Courel, a mediados de mes. E unha completa saída de catro días por terras de Villablino (León).

Sábado 15. Entre O Cebreiro e O Courel. Monte das Lampas

  • Lonxitude: 19 km    
  • Desnivel: medio-forte
  • Dificultade: media-alta.
  • Hora de saída: ás 08:00    
  • Hora de regreso: ás 20:30 aproximadamente

O monte das Lampas está situado entre O Cebreiro e O Courel. É unha zona pouco visitada que ten unhas vistas excepcionais sobre toda a zona montañosa do Courel, Cebreiro, Val de Louzara...

A ruta comeza no val do Louzarela, preto da aldea de Alence. É unha ruta que, en xeral, vai por camiños bos, aínda que en caso de choiva pode haber moita lama. Nalgún punto os desniveis son fortes. Goza dun alto interese natural e paisaxístico.

  • MIDE da ruta de monte de Lampas

Días 29, 30, 31 de outubro e día 1 de novembro. Actividade Especial Outono. Villablino.

Regresamos a Villablino para poder gozar desa fermosa zona montañosa quizais na estación máis interesante: o outono. Coma sempre estaremos aloxados no albergue Francisco Giner de los Ríos, en réxime de media pensión, en cuartos dobres (todos con baño). Temos que levar a comida para as rutas.

  • Data e hora de saída: 29 de outubro ás 08:00
  • Data e hora de regreso: 1 de novembro ás 20:00

As rutas que fagamos son variadas en canto a paisaxes e dificultades. Aínda así é preciso ter experiencia en actividades deste tipo.

Ruta do Bosque mixto de Caboalles

  • Lonxitude: 9 km    
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: baixa-media.

Esta ruta comeza en Caboalles de Arriba, xunto ao Centro do Urogallo, un estupendo centro de interpretación dos valores naturais, paisaxísticos e culturais da comarca, que visitaremos.

O percorrido lévanos ata o alto de Cerredo, na fronteira con Asturias. Durante o mesmo podemos gozar dunha estupenda mostra dos bosques que hai na comarca do Alto Sil.

A ruta é lineal, de ida e volta, en xeral por camiños bos. Ten un alto valor natural e paisaxístico.

  • MIDE da ruta do Bosque mixto de Caboalles

Ruta de Tejedo de Sil hasta Campo Sagrado

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media.

Para facer esta ruta temos que desprazarnos ata o veciño concello de Palacios del Sil. A ruta comeza en Tejedo del Sil. É un percorrido cómodo, que nos leva primeiramente polo val e logo monte arriba ata o Pico da Cruz, que é un miradoiro marabilloso de toda a zona. Tamén durante o percorrido poderemos observar, dende fóra, un dos bosques máis interesantes do alto Sil.

  • MIDE da ruta de Tejedo de Sil a Campo Sagrado

Ruta del Cornón, dende Lumajo

  • Lonxitude: 17 km    
  • Desnivel: forte        
  • Dificultade: media-alta.

O Cornón é o pico máis alto de toda a zona, case acada os 2.200 m. Fai fronteira con Asturias e co parque natural de Somiedo.

O itinerario comeza en Lumajo, localidade do concello de Villablino. A ruta é dificultosa, pola lonxitude o desnivel e a última parte de ascenso ao Cornón.

Hai que dicir que haberá opción de evitar as ramplas máis duras e o tramo último de ascenso. Deste xeito redúcese a dificultade da ruta considerablemente que se pode definir como media.

A paisaxe é de montaña, non hai bosques, predominan as zonas de pasteiros de montaña, cumios, vales...

Ten un alto interese natural e paisaxístico.

  • MIDE da ruta de Lumajo a Corcón

Ruta de la Brañina

  • Lonxitude: 13 km
  • Desnivel: forte
  • Dificultade: media-alta

A ruta comeza en Rabanal de Abajo. É unha ruta esixente, con forte desnivel, tanto de subida como de baixada. Transcorre entre unha das zonas boscosas máis interesantes da zona debido á extensión da mesma e o seu estado de conservación.

Ten un alto interese natural e paisaxístico.

  • MIDE da ruta de La Brañina

Esta andaina é unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.