Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas sendeirismo de novembro

12, 23 e 26 de novembro
Dúas rutas de percurso litoral e unha interesante saída de formación micolóxica compoñen a oferta de andainas do mes de novembro.

Sábado 12. Costa De Dexo. Oleiros

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa.
  • Hora de saída: ás 09:00
  • Hora de regreso: ás 19:30 aproximadamente.

Para esta data estaba prevista unha ruta na zona de A Fontaneira e A Lastra, no concello de Baleira, pero por motivos alleos á órganización houbo que modificala.

O Monumento Natural da costa de Dexo-Serantes foi declarado o 31 de marzo de 2001 como recoñecemento a un conxunto de valores ambientais que, igualmente, levaron a este espazo a ser incluído na listaxe galega de Lugares de Importancia Comunitaria (Rede Natura 2000). Ademais forma parte da Zona Núcleo da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Pero este conxunto de recoñecementos cobra, se cabe, maior valor de termos en conta a súa situación no corazón dunha das áreas máis densamente poboadas de Galicia.

De camiño alí, faremos unha parada en Santa Cruz, para tomar o café e ver o seu castelo.

A ruta comeza en Mera e vai ata o faro, a península de Monte Meán, Seixo Branco, Igrexa de Dexo e remata en Mera.

Non ten dificultades, pero si hai que ter coidado nas zonas de cantís.

O itinerario goza dun alto interese natural e paisaxístico.

  • MIDE da ruta da costa de Dexo

Mércores 23. Roteiro por Compostela. Saída Micolóxica. Museo de Historia Natural.

Hora de saída: ás 16:00 (diante da piscina universitaria)

Hora de regreso: ás 20:30 aproximadamente.

Organizamos, xunto co Museo de Historia Natural, unha actividade micolóxica.

Iremos camiñando ata o museo e ao chegar nos darán unha charla sobre  micoloxía. Despois  faremos un percorrido pola zona para recoller cogumelos. Ao rematar voltaremos ao museo para comentar os exemplares atopados.

Prezos: 4 euros para a xente coa tarxeta da Universidade e 6 para a de fóra (O pago faino cada participante ao chegar ao museo)

Sábado 26. Camiño dos Faros. De Laxe a Camelle.

  • Lonxitude: 16 km
  • Desnivel: baixo - medio
  • Dificultade: media.
  • Hora de saída: ás 09:00
  • Hora de regreso: ás 19:30 aproximadamente.


Continuamos a nosa andaina polo Camiño dos Faros.

Pode que sexa esta etapa unha das de maior beleza de todo o itinerario. Ten un alto interese natural. Aínda que vai todo o tempo pola costa, ten unha enorme variedade de paisaxes, o que incrementa o seu interese.

Comeza o percorrido en Laxe, rodeando o monte da Insua e vai ata Camelle, pasando polas praias de Soesto, Traba, a súa lagoa (de enorme valor ambiental).

No último tramo do camiño hai enormes pelouros moldeados pola erosión da auga e do vento, que darán moito xogo á nosa imaxinación.

Alternan os camiños cómodos con outros máis estreitos. Nalgún punto moi concreto hai que ter coidado, xa que camiñaremos por zonas rochosas, e hai que ter equilibrio.

  • MIDE da ruta do camiño dos faros Laxe-Camelle

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.