Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de decembro

10, 17 e 31 de decembro.
Despídese 2016 con tres rutas de interese polo litoral ferrolán, coa subida ao pico Meda en Zas e coa tradicional camiñada de fin de ano, nesta volta, ao Pico Sacro.

Sábado 10. Costa de Ferrol. De San Xurxo a Prior.

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa- media.
  • Hora de saída: 9:00
  • Hora de regreso: 19:30 aproximadamente.

No mes de setembro comezamos a nosa andaina pola costa de Ferrol, na zona de Doniños e Lobadiz. Agora continuamos dende a praia de San Xurxo ata cabo Prior.

A ruta comeza mesmo na praia, a cal temos que atravesar de sur a norte ata a praia de Esmelle. Logo o percorrido sigue pola costa e as zonas máis altas do cabo Prior ata acadar o seu faro.

Despois continúa ata o lugar de As Pozas, logo de pasar pola praia de Cobas.

A ruta non ten maiores dificultades salvo que, ao comezo, camiñaremos pola praia durante 2 quilómetros e iso sempre cansa un pouco. Ademáis é probable que teñamos que descalzarnos para cruzar un rego ao final da praia. Non ten perigo ningún, xa que é na mesma praia e o fondo é areoso.

O itinerario goza dun alto interese natural e paisaxístico.

Sábado 17. Santa Comba. Zas. Pico Meda.

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media.
  • Hora de saída: 9:00
  • Hora de regreso: 19:30 aproximadamente.

A ruta comeza no lugar de Busto, en Santa Comba. Dende aquí subimos á capela de San Bartolomeu e logo continuamos polo monte de Meda, entre eólicos ata acadar o seu cumio a 561m.

Pouco a pouco ímos descendendo ata chegar ao val de Carreira e Pedramaior. Nesta zona camiñaremos por aldeas e lugares onde aínda se poden observar interesantes elementos de arquitectura típica e tradicional.

Rematamos na capela de San Roque, onde nos recollerá o bus. Pode haber moita auga nos camiños e na última parte hai tramos de asfalto

A ruta ten un alto interese paisaxístico, xa que as panorámicas no monte de Meda son moi amplas.

Sábado 31. Fin de Ano. Pico Sacro.

  • Lonxitude: 8 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: baixa.
  • Hora de saída: 10:00
  • Hora de regreso: 14:00 aproximadamente.

Unha vez máis facemos a xa tradicional ruta de Fin de Ano. Nesta ocasión no Pico Sacro.

Comezaremos a camiñar en Lestedo rumbo ao Pico Sacro. Como fixemos noutras ocasións en saídas deste tipo, intentaremos chegar ao cumio ás 12 da mañá e aproveitar o momento para desexarnos un bo comezo de ano. Logo regresaremos a Lestedo

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.