Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de xaneiro

21 e 28 de xaneiro
Nova tirada co Camiño dos Faros, desta volta a etapa entre Camelle e cabo Vilán, e o sendeiro de Pelamios en Xunqueira de Ambia son as andainas programadas para o mes de xaneiro.

Sábado 21. Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán.

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: media-alta.
  • Hora de saída: ás 9:00
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente.

Seguimos a percorrer o Camiños dos Faros. Comezamos a andaina en Camelle, onde rematamos a etapa anterior. O percorrido lévanos por Arou, Area Lobeiras, Porto de Santa Mariña, enseada do Colludo, monte Veo, enseada de Trece, praia da Balea e alto da Pedrosa ata chegar a cabo Vilán.

O percorrido, aínda que vai todo o tempo pegado á costa, ten variedade de paisaxes que son dunha extraordinaria beleza: cantís, coídos, praias….

Hai algún tramo, curto, de certa dificultade onde hai que prestar atención. Nestes puntos o terreo, a modo de chanzos, é moi pedregoso e seguramente haberá que axudarse cosa máns.

A ruta goza dun alto interese paisaxístico e natural.

Sábado 28. Xunqueira de Ambía. Sendeiro de Pelamios. PR-G194

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: media.
  • Hora de saída: ás 09:00
  • Hora de regreso: ás 19:30 aproximadamente.

O sendeiro de Pelamios forma parte da lista de sendeiros homologados de Galicia. A ruta, case circular, comeza e remata mesmo en Xunqueira de Ambía. É un percorrido con paisaxes fermosas, por corredoiras, entre zonas boscosas e de pastos, pasando por pequenos lugares e aldeas cun protagonista principal: o río Arnoia.

A ruta non ten maiores dificultades salvo un pequeno tramo do río onde o sendeiro é moi estreito e esvaradío.

En caso de chover moito nos días anteriores tamén pode haber moita lama.

Ten un alto interese paisaxístico  natural e cultural, mostra disto último é a Colexiata de Santa María A Real, declarada monumento nacional en 1971.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.