Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de febreiro

11, 18 de febreiro
O litoral ferrolán, entre Prior e Valdoviño, e a vella ruta dos arrieros no Carballiño sinalan as dúas camiñadas do mes de febreiro.

Sábado 11. Costa de Ferrol. De Prior a Valdoviño

  • Lonxitude: 19 km.
  • Desnivel: medio.
  • Dificultade: media.
  • Hora de saída: ás 09:00 h.   
  • Hora de regreso: ás 20:00 aproximadamente.

Faremos nesta ocasión o noso terceiro percorrido pola costa de Ferrol, comezando onde rematamos a última vez, na praia de Santa Comba, en Covas. Ao comezo poderemos ver a ermida de Santa Comba situada nun pequeno illote, ao que só se pode acceder en marea baixa. Un pouco máis adiante veremos a praia de Ponzos. Aquí nos adentramos xa no espazo natural Costa Ártabra, que  percorreremos ata chegar ao monte da Vela, o cal ascenderemos e dende o seu cumio poderemos gozar dunhas abraiantes panorámicas deste tramo costeiro. O monte ten numerosos restos de instalacións militares. Logo toca descender ata a praia de Meirás, e de aquí continuar pola costa ata o faro de Meirás, onde xa nos recollerá o bus.

A ruta goza dun alto interese paisaxístico e natural.

Sábado 18. Camiños dos Arrieiros. O Carballiño

  • Lonxitude: 15 km.
  • Desnivel: medio.
  • Dificultade: media.
  • Hora de saída: ás 09:00 h.
  • Hora de regreso: ás 19:30 aproximadamente.

O Camiños dos Arrieiros é unha ruta sinalizada polo ministerio de medio ambiente dentro do seu programa de Camiños Naturais. É un percorrido circular que comezaremos e remataremos na parroquia de Partovia en O Carballiño.
Non ten dificultades salientables e pasa por diferentes aldeas e lugariños, onde aínda se poden ver interesantes mostras de arquitectura popular. Goza tamén dun alto interese natural pola súa biodiversidade e tamén é rica en paisaxe.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.