Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Sendeirismo na montaña de Riaño na Semana Santa

13,14,15 e 16 de abril.
Viaxamos á montaña de Riaño, un dos espazos naturais máis interesantes da provincia de León, considerado un dos portais de acceso aos Picos de Europa. Sen dúbida algunha, é un dos mellores lugares da cordilleira Cantábrica para realizar actividades de sendeirismo.

Consideracións a ter en conta

  • Ímos facer unha actividade de sendeirismo durante varios días, así que é importante estar acostumado a camiñar.
  • As rutas que faremos son en xeral de dificultade media, pero transcorren por zonas de montaña.
  • Cómpre levar calzado e vestimenta axeitados para facer sendeirismo.
  • A orde en que realizaremos as rutas dependerá das previsións meteorolóxicas xa que algunha das rutas baixo condicións meteorolóxicas adversas pode ser complicada.
  • A programación pode sufrir cambios ou variacións.
  • No hotel estaremos aloxados en réxime de media pensión, polo que tendes que levar a comida para as rutas.
  • En todo momento debemos seguir as indicacións dos monitores.
  • Probablemente fagamos algunha visita a centros de interpretación ou museos.

O  custe destas  visitas, en caso de habelo, non vai incluído no prezo da actividade.

1. Arredores do Pico Gilbo.

  • Lonxitude: 8 km.
  • Dificultade: baixa‐media
  • Desnivel: baixo ‐ medio

Este percorrido comeza no fermoso pobo de Horcadas, dentro do concello de Riaño, aos pés do pico Gilbo, unha das montañas máis emblemáticas da comarca.

É un itinerario sinxelo, de tipo circular, no que se poden observar unhas fermosas panorámicas. Transcorre por camiños en xeral cómodos, salvo algún punto, no que se pode atopar lama.

O guía comenta: «É a ruta máis relaxada das que faremos, rodeados de fermosas paisaxes».

Curiosidade: O Gilbo é unha montaña de modesta altitude, xa que ten 1.679 m, pero a súa morfoloxía fai que sexa unha das máis ansiadas polos montañeiros. A súa impoñente cara sur conta con varios itinerarios de escalada.

2. Puertos de Horcadas.

  • Lonxitude: 7 km.
  • Dificultade: media.
  • Desnivel: medio

Esta ruta comeza tamén en Horcadas. É un percorrido de tipo circular e nos leva ata os portos da zona. Goza de fermosas paisaxes e un alto interese natural.

Especial interese ten o tramo de descenso e regreso ao pobo, xa que se cruza pola Hoz Oscura, moi interesante dende o punto de vista xeolóxico.

Teremos ocasión nesta xornada, se o tempo o permitise  de intentar acadar o cumio  do pico Hato, de 1.749 m de altitude, que goza de boas panorámicas. Esta ascensión aumenta o grado de dificultade da ruta xa que implica facer uns 3 quilómetros a maiores e subir uns 200 m mais de desnivel (tanto de subida como de baixada). Esta ascensión é opcional.

O guía comenta: «Unha ruta curta, pero intensa en canto a paisaxe».

Curiosidade: A base económica da zona de Riaño foi durante moito tempo o gando.  No verán subíase aos portos (pasteiros altos da zona) como o de Horcadas, para que o gando pastase alí, xa que no verán estes pastos son os mellores.

3. Mirva e Rabanal

  • Lonxitude: 13km.
  • Dificultade: media.
  • Desnivel: medio.

A ruta comeza en Burón, localidade próxima a Riaño. É de tipo circular e goza dun alto interese paisaxístico e natural. Comeza percorrendo o val de Rabanal, por cómodos camiños, ao chegar ao final do mesmo, xa por sendeiro, comeza a ascensión ata o alto de la Giesta e o Prao Llao, onde gozaremos dunhas vistas excepcionais dos Picos de Europa. Logo faremos o descenso polo val de Mirva.

Haberá opción nesta ruta, si o tempo e as condicións o permiten, de intentar acadar o cumio de Parme dende Prao Llao. Isto incrementa de xeito notable a dificultade da ruta, xa que implica facer uns 5 quilómetros a maiores e un desnivel de 500m, tanto de subida como de baixada.

O guía comenta: «Posiblemente sexa a ruta máis bucólica de todas as que fagamos».

Curiosidade: Chaman a atención os fabulosos bosques de faias polos que  camiñaremos. Son un refuxio estupendo de corzos, cervos e xabaríns.

4. Pola serra de Hormas

  • Lonxitude: 17km.
  • Dificultade: media‐alta
  • Desnivel: medio‐alto.

Esta ruta circular comeza nas proximidades de Riaño, preto do encoro. Pouco a pouco vaise introducindo no val do río Hormas, onde predominan os bosques de carballos.

Ao final do val hai unha forte subida durante un quilómetro ata chegar a uns 1.700 m de altura. Aquí o sendeiro, cambia de rumbo, xa con escaso desnivel ata a collada Lechugal. As vistas son grandiosas. Na collada comeza o descenso tamén entre bosques.

O guía comenta: «Podemos considerar esta ruta como a etapa raíña. O esforzo verase recompensado polas estupendas paisaxes e os marabillosos bosques que cruzaremos»

Curiosidade: A serra de Hormas, situada ao norte de Riaño, acada alturas de 2.000 m. Son moi chamativas as dimensións dos bosques da serra, onde predominan os carballos.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.