Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Saída aos Pireneos franceses

Do 22 ao 28 de xullo.
A actividade especial de verán este curso, ten carácter internacional. Viaxamos aos Pireneos franceses, máis concretamente a Luz Saint Sauveur.

Consideracións a ter en conta

A viaxe ata alí é longa, sobre unhas 15 horas aproximadamente.
Imos facer unha actividade de sendeirismo durante varios días así que é importante estar acostumado a camiñar.

As rutas en xeral son de dificultade media, e transcorren en zonas de montaña.

Cómpre levar calzado e vestimenta axeitada para facer sendeirismo.

A orde en que realizaremos as rutas dependerá das previsións meteorolóxicas, xa que algunha das rutas, baixo condicións meteorolóxicas adversas pode ser complicada.

Non é obrigatorio facer tódalas rutas, podedes quedar descansando en Luz Saint Sauveur algún día, ou facer outra cousa, pero será baixo a vosa responsabilidade.

A programación pode sufrir cambios ou variacións.

No hotel estaremos en réxime de media pensión, así que tendes que levar a comida para as rutas. Na vila hai sitios onde poder mercar cousas.

En todo momento debemos seguir as indicacións dos monitores.

O hotel está situado a 10 minutos camiñando desde centro de Luz Saint Sauveur.

A vila ten piscina municipal e é posible que haxa oportunidade de facer uso da mesma. Hai que levar chanclas, gorro, bañador e toalla

Tamén moi preto do hotel hai un balneario.

Actividades

Arredores de Luz Saint Sauveur

Comezamos esta ruta camiñando dende o hotel, baixando ata Luz, e dando unha volta pola vila, para coñecer algúns dos lugares máis interesantes. O percorrido sigue parte da ruta GR-10 (sendeiro francés que cruza a cordilleira pirenaica dende o Cantábrico ao Mediterráneo), pero antes de chegar á poboación de Bareges, enlaza cun sendeiro local que en forte descenso nos leva ao lugar de Betpouey.

É un percorrido sen dificultades, os camiños en xeral son cómodos. Moitos deles son corredoiras por zonas boscosas. Tamén pasa por pistas entre zonas gandeiras. A paisaxe é unha marabilla e nos permite ter unha estupenda perspectiva da zona.

O guía comenta: «É un itinerario moi bo para ter a nosa primeira toma de contacto con esta zona dos Pireneos»

  • Lonxitude: 13 km
  • Dificultade:  media
  • Desnivel: medio (forte en puntos concretos)

Ruta ao Lac d´Stom

Para facer este percorrido temos que acercarnos en autobús á localidade de Cauterets. Un pouco máis adiante en La Raillére comeza a ruta, que é de ida e volta. Antes de comezar podemos ver a famosa e interesante fervenza de Lutour, dende aquí o camiño vaise metendo no bosque, por zonas moi sombrías. Pero máis adiante a vexetación vai desaparecendo e da paso a unha paisaxe espectacular, rodeados de enormes montañas rochosas, algunhas delas achéganse aos 3000m de altura. 

O itinerario vai todo o rato moi pegado ao río Stom, o cal cruzaremos nalgunha ocasión e remata no lago do mesmo nome. Dende aquí hai que regresar polo mesmo sitio. A ruta non ten maiores dificultades, salvo a distancia e o desnivel.

Ao ser unha ruta de ida e volta, haberá opción de non facela enteira ata o lago, e agardar o regreso do resto do grupo.

O guía comenta sobre esta ruta: «un sendeiro formidable nun ambiente moi pirenaico».

Ruta na zona de Troumouse. Día de descanso.

Esta xornada será de descanso, e aproveitaremos para coñecer o pobo de Luz Saint Sauveur, visitar a piscina, facer algunha compra… Aínda así, para os que teñan suficientes folgos temos preparada unha actividade circular moi preto dunha zona espectacular neste sector pirenaico: o circo de Troumouse. Sendo unha actividade relativamente curta é bastante intensa, pola forte subida e baixada e polo ambiente no que se desenrola.

É unha ruta bastante montañeira. Comeza no val de Héas, moi preto da súa capela. En fortísima subida acadamos a cabana de l´Aguila. Dende aquí o sendeiro nos leva a media ladeira en un ambiente sorprendente ata a cabana Des Aires, onde comeza o descenso (forte tamén).

Se decidides facer a ruta, tamén teredes tempo de descansar e facer algo de turismo ao rematar.

O guía comenta: «é unha ruta moi intensa, nun ambiente tamén intenso».

  • Lonxitude da ruta: 10 km.
  • Desnivel: medio (con subida e baixada fortes)      
  • Dificultade: media-alta

Ruta de Vignemale

Para facer este percorrido temos que coller o autobús ata a localidade de Cauterets, e de ahí continuar ata Pont d´Espagne,  sitio moi frecuentado e visitado.

O camiño comeza en forte pendente ata o Lac de Gaube, primeiro entre bosque de frondosas e logo entre coníferas. Ao chegar ao lago, o val ábrese e xa se pode ver ao fondo a impresionante cara norte do Vignemale, unha mole de 3298 metros de altura. O camiño nos leva ata o refuxio de Oulettes de Gaube ao pé do coloso.

O ambiente aquí é alpino, a cara norte do Vignemale, vertical, ten un desnivel de 1000m e aínda se poden ver nel restos glaciares e seracs. Dende aquí temos que regresar polo mesmo camiño.

Na baixada, ao voltar ao Lac de Gaube, hai opción de evitar o descenso polo bosque e baixar nun telesilla, deste xeito se aforran 200m de desnivel
As son vistas abraiantes e case que indescritibles en toda a ruta.

Este percorrido é máis complexo que outros xa que o camiño non é tan cómodo e son abondosas as zonas de pedras e rochas.

Ao ser unha ruta de ida e volta, haberá opción de non facela enteira ata o refuxio, e agardar o regreso do resto do grupo.

O guía dinos: «gozaremos de paisaxes alpinas, no corazón do Pireneo».

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d´Aspe

Iniciamos a ruta no mesmo pobo de Gavarnie a onde nos desprazaremos en bus. A ruta é de tipo lineal e nos leva por un val perpendicular ao impresionante circo de Gavarnie do cal teremos unhas panorámicas excepcionais.

O itinerario ascende ata o Port de Boucharo, na fronteira con España (ata este punto son 8km de subida). Dende aquí, se o tempo o permite, haberá opción de intentar acadar o cumio do Pic entre les Ports, a máis de 2400m ou seguir, por unha cómoda pista ata o Col de Tentes, onde nos recolle o autobús. Os datos técnicos que aquí se aportan, non inclúen o ascenso ao cumio. De facelo, aumentaría a dificultade e dureza da ruta.

O guía comenta sobre este percorrido:«interesante ascenso nun ambiente único, pola súa beleza e as súas dimensións».