Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Pónnos verde! Planta unha árbore no Bosque de Galicia

Decembro 2017 - Marzo 2018.
A Cidade da Cultura volver pedir a colaboración cidadá simbólica na construcción do Bosque de Galicia, nesta segunda etapa recentemente iniciada, plantando unha árbore no Gaiás, a través da Fundación Cidade da Cultura, o apoio da Fundación USC Deportiva e o patrocinio de Viaqua.

A Fundación USC Deportiva colabora con este proxecto dando a coñecer á sociedade galega este novo espazo verde de Compostela a través dun pequeño paseo polo terreo onde se explicarán as accións que se están a desenvolver e que culminará coa prantación dunha árbore.

Descrición da actividade

A actividade dará comezo saudando aos participantes na entrada do Museo Centro Gaiás e explicándolles como se desenvolverá a actividade. Continuarase cun pequeno paseo onde se percorrerán os puntos máis significativos do Bosque de Galicia á vez que se irán explicando as accións levadas a cabo ata o momento e as previstas para o futuro máis inmediato. Ao chegar á zona de prantación, asignaráselle a cada participante/grupo de participantes unha árbore e unha zona onde prantala.

Os participantes prantarán a súa árbore co material facilitado pola organización e seguindo as indicacións do guía da actividade. A prantación finalizará facéndolle a cada participante unha fotografía coa súa árbore, que se lles enviará posteriormente por correo electrónico como lembranza da actividade xunto cun certificado de participación.

Por último, volverase ao lugar de saída onde remata a actividade. Facilitaráselle a cada participante un bono para que poidan acudir á Cantina a tomar unha bebida quente.

O Bosque de Galicia e a actividade física saudable

O Bosque de Galicia pretende ser un novo pulmón verde da cidade, ao tempo de querer convertirse nun lugar de encontro dos composteláns e compostelanas onde poder camiñar ou correr alonxados do tráfico.

O obxectivo da Fundación USC Deportiva coa súa participación neste proxecto é contribuir á sensibilización da sociedade con respecto á importancia de manter uns hábitos de vida saudables e promover actividades que incidan neste aspecto.

O Bosque de Galicia, cos seus camiños e escaleiras de acceso á Cidade da Cultura, será un escenario idóneo para a práctica de actividade física, xa sexa camiñar, correr ou outro tipo de exercicios coma o tai chi ou a meditación, cuestións que se tratarán durante a presentación do Bosque aos participantes na actividade.

Datas de realización

  • Decembro 2017: 2, 9 e 16
  • Xaneiro 2018: 13, 20 e 27
  • Febreiro 2018: 3, 10, 17 e 24
  • Marzo 2018: 3, 10, 17 e 24

Horario

En cada xornada haberá dous turnos de prantación coordinados por un monitor-guía: un ás 10:00 e outro ás 12:00 horas. A actividade terá unha duración aproximada de dúas horas.

  • 1º turno: 10:00 horas
  • 2º turno: 12:00 horas

Participantes

Cada grupo estará formado por un máximo de 25 persoas e cada árbore poderá ser prantada por un máximo de 3 persoas.

A persoa que faga a inscrición deberá ser maior de 16 anos e será a responsable das outras dúas persoas que pode engadir como acompañantes.

Os menores de idade deberán achegar sempre unha autorización para a súa participación.

Lugar de saída

Entrada principal do Museo Centro Gaiás.

Recomendacións para participantes

Parte do camiño terá lugar por sendeiros e o último tramo polo monte, polo que se recomenda levar calzado adecuado para este tipo de terreo. A situación do terreo será irregular e dependendo da climatoloxía podrá estar seco ou enlamado.

Recoméndase levar roupa de abrigo e apta para camiñar polo monte. Hai que ter en conta que é posible mancharse ao plantar a árbore.

En caso de condicións climatolóxicas moi adversas o venres anterior á actividade procederase á súa cancelación. Avisarase aos participantes e serán reubicados nunha nova data.

Inscrición

Pode inscribirse calquera persoa que o desexe. Nunha mesma inscrición pódense incluir ata 3 persoas onde polo menos unha delas será maior de 16 anos.

As persoas que figuren nunha mesma inscrición prantarán unha única árbore conxuntamente.

A actividade non está recomendada para rapaces menores de 4 anos.

En caso de haber máis inscricións que prazas, crearase unha lista de agarda.

Respectarase a orde de inscrición.

A hora límite de inscrición será o venres anterior á actividade ás 13:00 horas.

A inscrición para o sábado 9 de decembro pechará o xoves 7 ás 15:00 horas.

Como inscribirse

A inscrición na actividade pode realizarse preenchendo este formulario.


No caso dos menores de idade, ademais da inscrición, deberá cubrirse esta autorización e enviala por correo electrónico a:

  • info@fundacionuscdeportiva.org
  • ou traéndoa presencialmente á sede da Fundación (Edificio FEUGA, despacho 3. Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, Campus Vida, Santiago de Compostela).

Normas de obrigado cumprimento

Os participantes seguirán as indicacións dos guías dende que comece a actividade ata que remate.

Non pode participar na actividade ningunha persoa que non estea na lista de participantes admitidos.

Os menores de 16 anos deberán ir acompañados dun titor/a e este será o responsable do menor durante toda a actividade.