Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de xaneiro

20 e 27 de xaneiro
Rutas por dúas terras engaiolantes: a Ribeira Sacra coa ruta dos viñedos de Belesar e unha etapa máis do Camiño dos Faros até chegar a cabo Touriñán.

Sábado 20. Ruta por Belesar. Ribeira Sacra

  • Lonxitude: 13 km aproximadamente
  • Desnivel: medio
  • Dificultade:  media
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30 aproximadamente

Xa visitamos a Ribeira Sacra en numerosas ocasións, tanto a zona do Miño como a do Sil, pero case sempre en outono para gozar da variedade cromática dos seus bosques ou na primavera para ver a explosión de vida que se produce nos seus hábitats. Desta volta imos en pleno inverno e seguro que tampouco nos vai decepcionar. Os bosques estarán espidos, e os viñedos tamén, pero poderemos ver e observar paisaxes diferentes, descoñecidas…

O percorrido transcorre polo sendeiro homologado PR-G183, chamado Ruta dos Viñedos de Belesar, pero como é moi curto (5 quilómetros escasos só a ida), nós o imos prolongar un pouco. A ruta é lineal e parte do traxecto de volta coincide co de ida, pero tendo en conta a beleza das paisaxes isto non é un problema, ao contrario.

A ruta comeza e remata en Belesar e pasa por lugariños como O Pousadoiro, Portotide, A Veiga e o miradoiro do Cabo de Mundo… Sempre moi pegados ao Miño. Isto nos permite gozar das vistas cara a outra beira, que pertence ao concello de O Saviñao e está chea de fermosos bosques e viñedos. O itinerario non te maiores dificultades, salvo a lama que poida haber e algún tramo con certo desnivel.

Pouco antes de rematar a ruta (1 quilómetro antes) visitaremos a Adega do Veiga, situada no lugar de A Ermida. Trátase dunha adega familiar, tradicional, típica da zona. A visita ten un custe de 3 euros por persoa e inclúe cata de viño. Este custe non vai incluído no prezo da actividade e cada participante terá que pagalo na adega. Entendemos que se vos anotades a actividade tendes interese en visitar a adega. Por favor se non fose así avisade cando fagades a inscrición.

Sábado 27. Camiño dos Faros. De Muxía a Cabo Touriñán

  • Lonxitude: 21 km aproximadamente
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-alta
  • Hora de saída: ás 08:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:30 aproximadamente.

Seguimos facendo pouco a pouco o Camiño dos Faros. A última etapa, no mes de novembro, a rematamos en Muxía. Agora toca o treito dende Muxía a cabo Touriñán, un dos puntos máis importantes do noso país dende o punto de vista xeográfico, xa que é o máis occidental de Galicia e de España. Este tramo é un percorrido esixente polas continuas subidas e baixadas, con pendentes moi fortes e pronunciadas nalgúns puntos. O terreo ás veces é un pouco incómodo.

A beleza das paisaxes é proporcional ás dificultades. Hai algún curto tramo que podería ser vertixinoso. Compre ir amodo.

Sen dúbida algunha é un dos tramos mais salvaxes do Camiño dos Faros dende o punto de vista paisaxístico

Sairemos mesmo de Muxía, onde teremos un rato para tomar o café matinal e unha consecución de fermosas e abraiantes praias, coídos, montes, enseadas e cabos nos leva ata Touriñán onde nos recollerá o autobús.

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.