Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo no mes de xuño

9, 16, 20 e 30 de xuño
Completa oferta de andainas para o mes de xuño: ruta de montaña no Pindo, camiñada e travesía en kayak na ría de Ares, ruta pola illa de Ons e recollida das herbas de San Xoán por terras de Compostela.

Sábado 9. Ruta polo Monte Pindo. Ruta de Montaña

  • Lonxitude: 11 km. aproximadamente.                 
  • Desnivel: forte .             
  • Dificultade: alta.
  • Hora de saída: ás 09:00 h. diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 19:30 h., aproximadamente.

Comezamos as actividades de xuño realizando a última ruta de montaña deste curso. Nesta ocasión imos a un dos montes máis emblemáticos da nosa xeografía: O Pindo. O percorrido comeza no Porto de Quilmas, dende aquí sae unha pista que, en forte ascenso, nos leva ata un fermosísimo miradoiro natural que se chama: "Onde se Adora". Neste punto tomamos un sendeiro que nos leva ata a zona do Pedrullo, onde empata coa ruta normal de subida ata a Moa, punto máis alto do macizo (629 m). Antes de acadar este cumio subiremos algún outro secundario, na mesma zona, dentro do que se denominan Os Altos das Cortes. Son cumios pequenos, a simple vista inexpugnables, pero que nos ofrecen unha perspectiva diferente da Moa e seus arredores. Unha vez acadados estes pequenos cumios e A Moa, nos diriximos ata A Laxiña, outro dos cumios significativos do macizo, xa que ofrece unha impresionante vista do val de Caldeiras, o pobo do Pindo, o Penafiel… Aquí tamén se sitúa a Cova da Xoana, un enorme burato que atravesa a dura montaña granítica de lado a lado, un dos sitios máis máxicos da zona, cargado de lendas e historias. O final da ruta e no punto de partida e para iso temos que desfacer o camiño andado.

O percorrido é relativamente curto, pero gran parte do camiño e moi pedregoso. As ascensións aos diferentes cumios, así como á cova da Xoana  non son doadas, e en varios puntos teremos que apoiarnos coas mans. Todo isto, xunto coa forte pendente fai que se requira certa axilidade, destreza e capacidade de esforzo, por iso incluímos a actividade dentro do calendario de montaña.

Sábado 16. Ría de Ares. Ruta de Lecer (sendeirismo + actividade en kayak).

  • Lonxitude: 10 km aproximadamente
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 21:00 aproximadamente

Continuamos a nosa programación de rutas de Lecer. Nesta ocasión imos á zona da ría de Ares. A nosa ruta comeza na fermosa vila de Pontedeume. É un percorrido costeiro que nos leva dende esta vila, cruzando a fermosa ponte sobre o Eume, ata a praia da Madanela, xa no concello de Cabanas. Dende aquí, subindo unhas escaleiras de madeira, acadamos unha senda costeira ben fermosa que, entre unha frondosa e case selvática vexetación, nos leva ata Redes, vila mariñeira moi ben conservada no concello de Fene. Dende aquí regresamos ata á praia da Madanela, onde nos recolle o bus. Pola tarde temos concertada unha actividade en kayak pola ría, co clube Firrete de Pontedeume. É unha actividade moi interesante e divertida e non é necesario ter experiencia previa. Para facer o percorrido en kayak é imprescindible saber nadar. As embarcacións son autovaciables e moi estables. Hai que levar toalla, chanclas, bañador, camiseta, así como protector solar, gafas de sol e gorra, e roupa seca para cambiarse. Teremos posibilidade de ducharnos ao rematar. En caso de non estar o día moi caloroso pode ser boa idea levar un chuvasqueiro (que sexa moi fino) a modo de cortaventos.O prezo da actividade en kayak será sobre 15 euros, dependendo do número final de participantes e haberá que aboalo alí mesmo. A duración será de dúas horas e media aproximadamente.Entendemos que a xente que se anota na actividade vai facer o percorrido en kayak de non ser así, por favor, comunicádeo ao servizo de deportes no momento de facer a inscrición.

Data límite de inscripción: mércores 13 ás 14:00 h.

Mércores 20. Roteiro por Compostela. Recollida de herbas de San Xoán.

  • Hora de saída: ás 17:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:00 aproximadamente.

Facemos esta actividade en colaboración co Museo de Historia Natural. A actividade, guiada por persoal cualificado do museo, consistirá nun percorrido polo Sarela río abaixo, Vidán e outras zonas durante o cal iranse recollendo as diferentes herbas de san Xoán. É un percorrido sen dificultades.

Sábado 30. Illas Ons. Ruta de Lecer

  • Lonxitude: 10 km aproximadamente
  • Desnivel: medio-baixo
  • Dificultade: baixa
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30 aproximadamente

Viaxamos nesta ocasión á illa de Ons collendo o barco en Portonovo, onde tomaremos o café antes de zarpar. A duración da viaxe en barco é de aproximadamente 45 minutos.

Unha vez na illa, faremos un percorrido circular unindo os catro sendeiros sinalizados dos que dispón a illa. Comezaremos dirixíndonos cara o sur, onde poderemos gozar das vistas dende o Miradoiro de Fedorentos e visitaremos o Buraco do Inferno. Continuamos percorrendo a illa cara o norte percorrendo a súa contorna, pero desviarémonos cara o interior para subir ata o faro da illa. Seguiremos percorrendo o litoral da illa pasando ao carón da praia de Melide, a máis grande de Ons e remataremos achegándonos ata a punta do Castelo, con moi fermosas vistas.

Unha vez rematada a ruta haberá un tempo libre ata a hora de coller o barco para quen queira darse un baño na praia Area dos Cans, achegarse ata o Centro de Visitantes ou tomar algo.

A ruta apenas conta con zonas de sombra, polo que é moi recomendable levar gorra e protección solar. Os camiños, en xeral, son moi cómodos.

A illa de Ons pertence ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, polo que haberá que cumprir en todo momento a súa normativa e non saírse dos camiños marcados.

Data límite de inscripción: luns 25 de xuño ás 14:00

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.