Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo de novembro

14, 17 e 24 de novembro
Novembro tráenos rutas seguindo as bacias de dous ríos senlleiros -Deza e Arnoia- e unha camiñada de alta montaña ao cumio do Oribio.

Día 14 de novembro. Ruta da fervenza do Toxa (Silleda)

  • Hora e lugar de saída: 16:00, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: 20:00 h.
  • Lonxitude: 6 km., aproximadamente.
  • Desnivel: medio-baixo.
  • Dificultade: baixa.

Desta volta nos desprazamos ao concello de Silleda para facer un fermosísimo percorrido nos arredores da fervenza do Toxa, a cal xa visitamos no mes de xullo, indo dende Carboeiro, pero nesta ocasión o percorrido é distinto.Comezamos no lugar de Pazos (San Martiño) e imos por camiños tradicionais ata a parte alta da fervenza, onde hai uns espectaculares miradoiros que permiten observar a fervenza en todo o seu esplendor.

Logo a ruta baixa por unha pista bastante cómoda, atravesando un fermoso bosque autóctono ata a mesma base da fervenza, o que permite ter una perspectiva moi diferente da mesma.

Dende aquí toca regresar, tendo que subir parte do camiño feito no descenso, pero collendo un desvío ata o lugariño de Quintás, para achegarse novamente a Pazos, onde remata a ruta.O camiño en xeral é moi bo . É moi salientable a biodiversidade do bosque, destacando sobre todo algúns exemplares de sobreira.

Día 17 de novembro. Ruta de montaña: Monte Oribio desde Lóuzara

  • Hora de saída: 08:00 h. (Piscina universitaria)
  • Hora de regreso: 20:30 h., aproximadamente.
  • Lonxitude: 17 km. Desnivel: forte.
  • Dificultade: media-alta.

Continuamos a nosa programación de actividades de montaña nesta ocasión cunha ruta no monte Oribio. Xa subimos ao Oribio en varias ocasións, a primeira delas saíndo dende Triacastela e a segunda dende San Cristovo do Real.

Nesta ocasión comezamos a camiñar preto de San Cristovo de Lóuzara na ladeira sur da montaña. Dende aí, entre bosques e por antigas corredoiras chegamos a Gudríz, onde comeza a forte e longa ascensión ao cumio situado a 1477 m de altitude.

Dende aquí hai unhas impresionantes vistas que permiten ver toda a serra do Caurel, Ancares, Manzaneda, O Faro, Sarria, Triacastela, e incluso a cidade de Lugo. Logo só queda facer o descenso, cruzando toda a serra e pasando polo alto de Torrentes, ata chegar ao punto de partida.

A ruta goza dun altísimo interese paisaxístico e ambiental. Os camiños en xeral son bos, pero é salientable o desnivel a salvar e a forte pendente nalgúns puntos.Como é unha actividade de montaña é preciso ter a licenza federativa correspondente, así como ter un bo estado de forma e estar acostumado a subir e baixar fortes desniveis (máis de 1000 m).

Día 24 de novembro. Ruta de sendeirismo polo río Arnoia

  • Hora de saída: 09:00 h. (Piscina universitaria)
  • Hora de regreso: 20:00 h., aproximadamente.
  • Lonxitude: 14 km.
  • Desnivel: medio.    
  • Dificultade: media.

A ruta que faremos este día forma parte da rede galega de sendeiros homologados. Comezamos o percorrido no santuario da Nosa Señora do Val. Ao pouco pasa polo lugariño de O Viso. Logo, entre bosques moi ben conservados, chega ata a mesma beira do Arnoia. Máis adiante hai unha forte pero breve subida. O camiño volve a descender ata o río, pero chegado a este punto vai durante dous quilómetros por dentro dunha antiga canle de auga. Despois volve a afastarse do río e comeza unha subida ata o lugar de Escudeiros, onde remata o camiño oficial. Dende aquí, en pouco máis de dous quilómetros chegamos ao santuario no que comezamos.

A ruta ten un alto interese natural e paisaxístico. Se chovese moito os días anteriores pode haber lama, e algún punto pode ser esvaradío.

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.