Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas sendeirismo do mes de marzo

9, 23, 27 e 30 de marzo
A ruta da castaña e o mel en Pobra de Brollón, unha ruta de lecer nos ríos Miño e Rato, un roteiro por monte Louro e unha percurso de montaña pola Serra da Escrita compoñen a oferta de camiñadas de marzo.

Sábado 9. Pobra do Brollón. Ruta da castaña e do mel. PR-G236.

  • Lonxitude: 13 km aproximadamente.
  • Dificultade: media.
  • Desnivel: medio.
  • Hora de saída: ás 09:00 h., diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 20:00 h. aproximadamente.

No concello de Pobra de Brollón, máis concretamente na parroquia de Salcedo, hai unha ruta de sendeirismo recentemente homologada. É a ruta da castaña e do mel que comeza en Salcedo e vai baixando entre bosques ata o río Lor á altura da central de Loureiro. Logo pasa polo souto de Paramedela e volve cruzar o río para comezar a subida que nos leva de volta a Salcedo.

Durante o percorrido poderemos ver alvarizas restauradas, soutos, o río Lor, o castro de As Laceiras e abraiantes miradoiros. Todo integrado nun fermoso entorno natural.

A ruta non ten moitas dificultades, pero hai que ter en conta o descenso ata o río e a subida no regreso. Predominan os camiños en bo estado, aínda que tamén hai tramos de sendeiro.

Sábado 23. Ruta de Lecer. Ríos Miño e Rato. Lugo.

  • Lonxitude: 14 km aproximadamente
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa
  • Hora de saída: ás 09:00 h., diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19.00 h., aproximadamente

Coa chegada da primavera retomamos a programación das rutas de lecer. Neste caso achegarémonos ata a cidade de Lugo para facer un pequeno e sinxelo percorrido polas beiras dos ríos Miño e Rato, que forman parte do “cinto verde” que rodea á cidade.

Comezaremos na ponte romana que cruza o Miño e continuaremos río abaixo por un cómodo paseo fluvial ata chegar ao río Rato. Este afluente conta tamén cun paseo fluvial que percorreremos río arriba ata a ponte medieval pola que pasa o Camiño Primitivo. Volveremos baixar o Rato cruzando á outra beira cando sexa posible e disfrutando de puntos de interese coma o viaduto da Chanca, a fonte Arcada ou unha pequena fervenza.

Novamente no Miño, continuaremos descendendo un anaco pola coñecida como Ruta da Fervenza, da que só faremos o comezo.

Unha vez nos recolla o bus, achegaranos ata o centro da cidade onde teremos en torno a unha hora de tempo libre para pasear pola muralla e casco antigo. Esta parte da actividade non é guiada.

A ruta que imos facer atópase nun espazo natural protexido e forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Pode haber algún punto concreto onde atopemos algo de barro.

Mércores 27. Roteiro. Louro. Muros

  • Lonxitude: 8 km aproximadamente
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: baixo-medio
  • Hora de saída: ás 16:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 21:15  aproximadamente

Esta actividade de sendeirismo nos leva pola parroquia de Louro, no concello de Muros. É un percorrido circular que nos permite gozar dun feixe de elementos de gran interese, como o conxunto de hórreos de Louro, a súa igrexa, os muíños do rego de Longarelos e o seu bosque, as impresionantes vistas de monte Louro e a súa lagoa dende o monte Meán, os petroglifos da Laxe das Rodas, o convento de san Francisco…

Son 8 quilómetros sen grandes dificultades, salvo as costas que hai que salvar. En xeral os camiños son bos e hai algún tramo de asfalto. É unha ocasión estupenda para gozar dunha tarde primaveral nun entorno único.

Sábado 30. Ruta de Montaña. Serra da Escrita. O Caurel

  • Lonxitude: 21 km aproximadamente 
  • Dificultade: media-alta
  • Desnivel: forte
  • Hora de saída: ás 08:00 h., diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 20:30 h., aproximadamente

Continuamos a nosa planificación de rutas de montaña regresando a O Caurel. O obxectivo deste día é a serra da Escrita, preto do val de Louzarela, onde comeza e remata a actividade.

Iniciamos a andaina en Requeixo (650 m), un lugariño moi preto da Ponte de Louzarela. Este é un paso de moita importancia, xa que permite comunicar O Caurel con Samos. A ruta comeza subindo, e pronto chegamos á aldeíña de Vila do Castro, segue rodeando o Teso de Penalba e a pendente acentúase para chegar ao Alto do Lago (1300 m). Dende aquí poderemos gozar dunhas fermosas vistas. Pouco nos queda xa para acadar o cumio de A Escrita (1455m): un dos mellores miradoiros naturais do Caurel. Dende aquí baixaremos á aldea de Paderne, cruzando a devesa do mesmo nome, unha das máis importantes da serra. En Paderne colleremos o camiño que nos leva, subindo, a Pedrafita do Caurel. Neste punto, logo de ver a microrreserva do Alto da Pedra, iniciaremos o descenso ata Requeixo.

Algúns dos puntos interesantes do percorrido son as vistas panorámicas, a impresionante devesa de Paderne, a arquitectura típica do Caurel nas aldeas polas que pasaremos ou a microrreserva do Alto da Pedra.

É salientable o desnivel que hai na ruta, tanto positivo como negativo: 1.300 m.

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.