Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de abril

6 e 24 de abril
Dúas engaiolantes rutas ao redor dos ríos Umia e Lérez compoñen a oferta de roteiros do mes de abril.

Sábado 6. Ruta De Lecer. Río Umia e Cambados.

  • Lonxitude: 15 km, aproximadamente.
  • Dificultade: baixa.
  • Desnivel: non ten.
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria.
  • Hora de regreso: ás 19:30 h. aproximadamente.

Comezaremos a xornada visitando un muíño de mareas en Cambados. A visita ten un custe de 1 euro (non incluído no prezo da actividade) que aboará cada un no museo. Entendemos que ao anotarvos na actividade tedes interese en facer esta visita, de non ser así, debedes comunicalo ao servizo de deportes no momento de facer a inscrición.

Unha vez rematada a visita a xornada dividirémola en dúas partes. A primeira será o sendeiro homologado PR-G 173, ruta do río Umia. Comezaremos na zona de Barrantes, no concello de Ribadumia, seguindo o curso dun pequeno rego ata chegar ao río Umia. Seguiremos o seu curso río arriba ata chegar a Ponte Arnelas, onde nos recollerá o autobús. Esta ruta non ten practicamente desnivel e discorre sempre a carón do río por zonas con vexetación de ribeira, pasteiros e viñedos. Trátase dun paseo moi agradable.

A segunda ruta é completamente diferente xa que transcorrerá en boa parte pola costa. Comezaremos xunto á ponte que cruza ata a Illa de Arousa e iremos camiñando cara ao sur, en dirección a Cambados, gozando das vistas ao mar.

Nalgúns puntos desviarémonos cara ao interior e cambiaremos a paisaxe marítima pola de zonas rurais. Antes de chegar a Cambados pasaremos polo muíño de mareas que visitamos pola mañá e rodearemos unha zona de marisma onde, se temos sorte, poderemos ver unha grande variedade de aves.

Unha vez en Cambados teremos en torno a unha hora de tempo libre para visitar a vila  pola nosa conta. Esta parte da xornada xa non é guiada.

Todos os camiños son en xeral moi cómodos. Os últimos 3 km, chegando a Cambados, son por pistas asfaltadas e paseo marítimo. En caso de chover os días anteriores, poderiamos atopar algún punto concreto con algo de barro.

Mércores 24. Roteiro. Río Lérez. Pontevedra.

  • Lonxitude: 9 km, aproximadamente
  • Desnivel: non ten.
  • Dificultade: baixa.
  • Hora de saída: ás 016:00 h., diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 21.00 h., aproximadamente.


Ímos ata a propia cidade de Pontevedra para realizar un interesante percorrido á beira do río Lérez.

A ruta, que é circular,  comeza preto da Ponte dos Tirantes e nos leva pola beira dereita do río ata unha zona preto da estación de bombeo da cidade. O regreso o faremos pola outra banda do río e pasando pola Illa das Esculturas.

O percorrido non ten desnivel nin dificultades. Alterna tramos urbanos ao comezo e o final, con tramos naturais cun bo estado de conservación, con abondosas carballeiras e bosque típico de ribeira. A zona está incluída dentro da Rede Natura 2000 pola súa importancia medioambiental.

 

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.