Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de marzo

Aprazadas
Marzo achégannos a rutas por dous concellos da provincia de Pontevedra —Redondela e Cercedo-Cotobade— que teñen un notable notable interese paisaxístico, ambiental e patrimonial.

Sábado 14. Ruta de sendeirismo. Redondela.

  • Lonxitude: 14 km aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso:  ás 20:00  aproximadamente.

Imos ao concello de Redondela, na provincia de Pontevedra, a facer unha ruta de sendeirismo polo monte Penide. A ruta comeza no centro de Redondela, na alameda Castelao, e vai durante dous quilómetros pola beira do río Maceiras.Aquí, unha forte subida nos leva ata o castro de Negros, situado nun importante enclave estratéxico dende onde se domina un extenso territorio. As vistas dende aquí son moi boas. O percorrido segue polas zonas altas do monte, xa sen grandes desniveis ata chegar á mámoa do Rei, monumento megalítico cunha antigüidade entre 4000 e 3000 anos a.C. Máis adiante chegamos a Trasmañó, onde poderemos gozar dunhas abraiantes vistas da ría de Vigo, a cidade, Cangas, Moaña e as Cíes ao fondo. Vamos pouco a pouco en descenso ata chegar ao Coto da Fenteira que é outro interesante miradoiro natural, situado xusto enriba da ponte de Rande. Seguimos descendendo ata empatar co camiño de Santiago que ven dende Vigo. Ao pouco chegamos á igrexa de Santo André, onde rematamos a actividade. Durante a ruta tamén poderemos ver numerosas zonas de petróglifos. Ao rematar a ruta iremos ata o museo Meirande, onde temos concertada unha visita. A visita é de balde.

O museo é o Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural de Rande, e segundo aparece na súa web, "ten como misión sensibilizar e concienciar á cidadanía da enorme riqueza non só artística, senón tamén, socio-cultural e paisaxística da zona; e ante todo a necesidade da súa posta en valor. Agardando, ademais, que sexa un punto de encontro e de conexión directa coa veciñanza a cal poida verse reflectida no proxecto, aumentando deste xeito o carácter identitario do mesmo".

Sábado 28. Ruta de sendeirismo. Carballedo. Ruta do Foxo do Lobo

  • Lonxitude: 14 km aproximadamente
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media
  • Hora de saída: ás 09:00, diante da piscina universitaria
  • Hora de regreso: ás 19:30 aproximadamente

O concello de Cerdedo-Cotobade está situado no interior da provincia de Pontevedra. Gran parte da ruta que faremos hoxe transcorre pola parroquia de Carballedo. Comeza na área recreativa de O Pozo Negro, na parroquia de Rebordelo, e vai preto do río Almofrei por camiños moi bos ata a ponte de Carballedo.

Na ponte collemos un sendeiro que subindo e a través de corredoiras nos leva ás aldeas abandonadas de Sabugueiro e Arufe. Logo volvemos a baixar ao río e camiñar durante varios quilómetros por corredoiras entre fermosos bosques. Cruzando unha antiga ponte comezamos a subida que nos leva ao Foxo do Lobo, situado nunha impresionante carballeira á beira dun regato. O seu estado de conservación non é moi bo, pero distínguense perfectamente as diferentes partes do mesmo. A ruta comeza a descender e pasa polos lugares de Doade e A Braña onde veremos moi bos exemplos de arquitectura típica onde a pedra cobra un especial protagonismo. Un pouco máis adiante chegamos á ponte de Carballedo, e dende aquí seguimos ata O Pozo Negro polo mesmo camiño feito á ida.

 

 

Estas andainas son unha actividade organizada polo Servizo de Deportes da USC.

[Fotografía: Marcoqr. Wikiloc]