VIII Concurso de Postais de Nadal da Fundación Universidade de Santiago
Envío de orixinais: Até o 10 de decembro. Fallo do xurado: 17 de decembro.
A Fundación Universidade de Santiago convoca o VIII Concurso de Postais de Nadal. A data límite de envío será o 10 de decembro de 2020.
Bases
- Poderán participar todos aqueles nenos e nenas nados entre os anos 2008 e 2017 (ambos incluídos).
- Cada participante poderá presentar un só traballo. Este debe realizarse en tamaño DIN-A4 por unha soa cara e poderase utilizar calquera técnica de debuxo ou pintura. Os traballos non se poderán presentar enmarcados nin suxeitos con ningún tipo de soporte. Tampouco poderán estar dobrados.
- A temática da postal debe unir o Nadal e o deporte. No caso de levar texto (non é obrigatorio), deberá ser en galego.
- Valorarase a calidade dos traballos tendo en conta a idade dos nenos e nenas, a imaxinación, a orixinalidade e a súa relación coa temática indicada.
- Outorgarase un único premio. Este será nominal e non será transferible a outra persoa.
- O premio consistirá nunha praza no Verán CampUSC 2021 e un vale de 100 € para canxear por material deportivo. Así mesmo, a imaxe gañadora formará parte da tarxeta de Nadal que elaborará para este ano a Fundación Universidade de Santiago (en adiante Fundación). Na mesma figurará o nome do gañador ou gañadora.
- O xurado poderá outorgar un accésit cuxo premio consistirá nun pequeno lote de libros.
- Os traballos enviaranse escaneados en cor en formato PDF ao enderezo electrónico info@fundacionuscdeportiva.org. No asunto indicarase “VIII Concurso de Postais de Nadal da Fundación USC”. No correo achegaranse dous arquivos: o debuxo escaneado e a folla de inscrición que acompaña a estas bases.
- A data límite de envío será o 10 de decembro de 2020 ás 23:59 horas.
- O fallo do xurado farase público o 17 de decembro de 2020 na web da Fundación.
- A Fundación garantirá que os membros do xurado descoñezan a autoría das obras presentadas.
- Só unha persoa traballadora da Fundación terá acceso ao correo electrónico indicado e será quen xestione a entrega das obras ao xurado de forma anónima.
- O gañador ou gañadora provisional será contactado por vía telefónica e comprométese a entregar o orixinal o 16 de decembro como data límite co fin de comprobar que o arquivo electrónico entregado se corresponde co debuxo orixinal.
- O acto de entrega do premio comunicaráselle oportunamente por escrito ao gañador ou gañadora.
- O xurado resérvase o dereito de declarar deserto o premio.
- A decisión do xurado cualificador será inapelable.
- O xurado estará composto por cinco persoas. A composición do xurado farase pública na páxina web da Fundación antes de emitirse o seu fallo.
- Non poderán participar neste concurso os familiares de ata segundo grao dos membros do xurado.
- Os pais, nais ou representantes legais de todos os participantes, sexan finalmente gañadores ou non, autorizan á Fundación a publicar todas as obras cedidas, sen que poidan utilizarse para ningunha outra actividade non relacionada co concurso, sen límite temporal ou xeográfico.
- Os pais, nais ou representantes legais de todos os participantes, ceden así mesmo á Fundación da mesma forma e coa mesma extensión, o dereito de transformación mediante calquera modificación na súa forma, incluíndo a autorización para a creación de obras compostas.
- Os dereitos cedidos antes indicados poderán exercitarse sobre a totalidade ou parte da obra, sen ningún tipo de limitación.
- As cesións anteriores enténdense realizadas a título gratuíto.
- Os pais, nais ou representantes legais dos participantes manifestan e garantirán que as obras e a cesión que ten lugar como consecuencia da participación no concurso non infrinxen dereitos de terceiros, en particular, non infrinxen dereitos de propiedade intelectual ou industrial, dereitos sobre a propia imaxe, dereitos sobre os datos persoais, nin son contrarios á lei nin aos bos costumes; e que manterán indemne á Fundación e calqueira terceiro que actúe por encargo de estes por calquera reclamación da que sexa obxecto por dita causa.
- A Fundación resérvase o dereito de non publicar calquera obra cuxo contido non estea relacionado co concurso e/ou coa temática do concurso ou calquera obra cuxa autoría se sospeite que non sexa do participante rexistrado.
- A Fundación resérvase o dereito a modificar en calquera momento as condicións do concurso, incluso a súa posible anulación antes do prazo prefixado, sempre que concorra causa xusta, comprometéndose a comunicar as novas bases, condicións do concurso ou a anulación definitiva.
- Participar neste concurso conleva a aceptación íntegra destas bases. A Fundación resérvase o dereito de non permitir a participación de calquera persoa cando estime que a mesma realiza un mal uso ou uso fraudulento deste concurso, mediante calquera procedemento técnico, informático ou doutro tipo.