Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Verán CampUSC 2021

Do 23 xuño ao 30 de xullo e do 1 ao 7 de setembro de 2021
O programa Verán CampUSC 2021, organizado pola Fundación Universidade de Santiago de Compostela (anteriormente Fundación USC-Deportiva), é unha actividade que ten lugar no período non lectivo do verán (agás o mes de agosto) co fin de conciliar a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral.

Neste programa, no que colaboran a Universidade de Santiago de Compostela a través da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos e o Concello de Santiago de Compostela, os rapaces e rapazas participantes coñecerán unha importante base de actividades deportivas tradicionais e alternativas, ademais de realizar diferentes obradoiros e actividades e saídas culturais.

Todas as actividades están especialmente dirixidas ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das persoas participantes e todas elas desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas.

Esta edición do Verán CampUSC contará con certas diferenzas con respecto a outras edicións debido á situación sanitaria actual e aproveitaremos todo o aprendido durante a edición de 2020.

Desde a organización coordinamos con especialistas todas as medidas de seguridade, de prevención da saúde e de hixiene que a situación require para coidar ao máximo a saúde tanto dos participantes coma do persoal que dinamizará o programa. Os especialistas aos que nos referimos son: servizo de prevención de riscos laborais, servizos de vixilancia da saúde, autoridades sanitarias e asesoría xurídica en canto á normativa, protocolos de actuación e lexislación.

Así mesmo, antes do inicio da actividade, as familias participantes recibirán toda a información do desenvolvemento da actividade relativa ás medidas implantadas para a seguridade de todo o colectivo que formará parte do programa.

Preinscrición pechada

O prazo de preinscrición rematou.
 
O 19 de maio publicarase a lista provisional de persoas admitidas en cada quenda.

Bases do Verán CampUSC 2021

Descargar as bases do Verán CampUSC 2021