Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Semana Santa: sendeirismo en Pola de Gordón (León)

Do 5 ao 8 de abril
Visitamos nesta ocasión a montaña central leonesa, máis concretamente o concello de La Pola de Gordón, que forma parte da Reserva da Biosfera Alto Bernesga.

 

Datas

  • Saída de Santiago: 5 de abril, xoves, ás 8:00 h.
  • Regreso a Santiago: 8 de abril, domingo, ás 21:30 h. (aproximadamente).

Aloxamento e comida

Aloxamento en réxime de media pensión: Hostal Fontañán.

As cenas serán en Casa Senén, en Vega de Gordón, a 2km do hostal, e faremos uso do autobús para desprazarnos ata el.

Tendes que levar a comida para as rutas.

Prazas

Prazas limitadas (máximo 30)

Inscricións

Peche das inscricións: 30 de marzo.

Actividades

Xoves 5 de abril

Sairemos de Santiago ás 8:00 h. Aproveitaremos a viaxe para facer unha parada na cidade de León. Despois, cando cheguemos a La Pola de Gordón, o máis probable será que antes de aloxarnos no hostal fagamos unha das rutas previstas: Los Puertos de Verano, polo que sería bo ir xa coa mochila preparada. Esta ruta comeza na localidade de Cabornera á beira do río Casares. Ten un alto interese natural e paisaxístico. O camiño lévanos polas zonas que aínda usan a día de hoxe os pastores e gandeiros da zona para subir o gando a pastar en verán. Tamén veremos algún frondoso faial. A zona alta da ruta transcorre polas ladeiras dos picos Amargones e Feliciano. En xeral os camiños son bos, agás nalgún punto concreto. Ao rematar a ruta, iremos a instalarnos ao hostal

  • Lonxitude: 9 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: baixa – media

Venres 6 de abril

Este día faremos unha ruta dende a localidade de Ciñera ata Valporquero.
O itinerario une dúas maravillas da natureza. Por un lado, ao comezo, o famoso Faedo de Ciñera e a súa Foz, e ao rematar o pobo de Valporquero e a súa coñecida cova, que aproveitaremos para visitar.

No ano 2007 a instancias do AMPA do colexio público de Ciñera, o Faedo recibiu o premio ao bosque mellor coidado de España outorgado polo ministerio de medio ambiente e a asociación Bosques sin Fronteras.

O percorrido e moi variado: o bosque, regos, a foz, pobos, vales, altiplanos, cumios… e como colofón, a cova.

  • Lonxitude: 11 km.
  • Desnivel: medio (principalmente de subida).
  • Dificultade: media (polo desnivel, algún punto da ruta pode ser un tanto vertixinoso).

Sábado 7 de abril

Desprazámonos nesta ocasión a Geras de Gordón, onde se atopa o centro de visitantes da Reserva da Biosfera do Alto Bernesga, que aproveitaremos para visitar.

A ruta que faremos nos leva ata a ladeira do monte Pedroso (1914m), por un cómodo camiño, aínda que con certo desnivel. A ascensión ao cumio será optativa.

As paisaxes son dunha extraordinaria beleza e ten un alto interese natural. Tamén son destacables as formacións xeolóxicas que poderemos observar durante a xornada.

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: medio (medio-alto para os que decidan acadar o cumio do pico)
  • Dificultade: media (terreo cómodo en xeral)

Domingo 8 de abril

A última ruta comeza mesmo en La Pola de Gordón e o noso obxectivo e o Pico Fontañan (1634 m), seguindo un sendeiro marcado. O sendeiro e variado en canto a paisaxes e destaca a súa variedade de habitats forestais: enciñares, carballeiras, faiales, piñeirais… Son importantes tamén os restos de trincheiras e muros defensivos da guerra civil que se atopa no cumio do Fontañán, xa que este foi un punto estratéxico durante a contenda.

Se tivésemos tempo na viaxe de regreso a Santiago faremos unha parada en Astorga.

  • Lonxitude: 12 km.
  • Desnivel: medio (nalgún tramo a pendente é forte).
  • Dificultade: media (terreo cómodo en xeral).

Máis información