Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Andainas do mes de abril

19, 21 e 26 de abril
As rutas deste mes permitirán percorrer espazos senlleiros da comarca compostelá, como o Pedroso e a bacia do Tambre, e achegarnos ás terras do Xallas para contemplar a fervenza do Ézaro.

Día 19 de abril. Monte Pedroso

  • Hora e lugar de saída: 17:00 h. Carballeira de San Lourenzo.
  • Hora de remate: 19:30 aprox.

Esta ruta terá unha lonxitude duns 10 km aproximadamente e a única dificultade salientable é o desnivel que hai que salvar para acadar o cumio do Pedroso. Ten un alto interese paisaxístico polas vistas, así como interese natural

Sábado 21 Abril . Ruta de Olveiroa a O Ézaro

  • Hora de saída: 09:00 h.
  • Hora de regreso: 19:30 h  aprox.
  • Lonxitude da rota: 19km aprox.
  • Desnivel: medio (sobre todo de baixada)
  • Dificultade: media (en xeral os camiños son bos)


A ruta comeza en Olveiroa, parroquia do concello de Dumbría, en terras do Xallas. É lugar de paso obrigado para os peregrinos que se dirixen a Fisterra e Muxía.  O lugar é moi interesante xa que se fixeron importantes traballos de restauración nas casas e nos hórreos. É destacable tamén a igrexa de Santiago. E poderemos observar tanto aquí, como noutras aldeas da zona, un importantísimo elemento etnográfico pouco coñecido: as lacenas para as abellas

O itinerario pasa por lugares fermosos e sitios de interese, como a Pedra Brazal e a aldea de Xestosa e durante gran parte do percorrido temos como referencia o río Xallas e os seus encoros, aínda que nós, camiñaremos por zonas altas. Outro elemento importante que nos axudará a guiarnos é o maxestoso monte Pindo, que poderemos observar ao lonxe. O punto máis alto da ruta o acadamos nos montes de Buxantes, a case 500 m de altura e dende aquí a paisaxe cambia radicalmente: temos frente a nós o mar, o cabo de Fisterra a ría de Corcubión... Só nos queda descender ata O Ézaro, onde remataremos a xornada observando e gozando da súa famosa fervenza, que polas súas características é única en todo o continente.

Día 26. Río Tambre. De San Xoán de Fecha á ponte de Portomouro

  • Hora e lugar de saída: 16:30. Piscina Universitaria.
  • Hora de remate: 20:00 aprox.

Desprazámonos en bus ata a parroquia de San Xoán de Fecha para facer una ruta ata Portomouro, xa no concello de Val de Dubra, intentando seguir o curso do río Tambre. É unha ruta con abraiantes paisaxes, e moito interese natural pola súa biodiversidade. Son en total uns 10 km de percorrido.

Convites de balde para participar na saídas por terras de Compostela

Todos os participantes que se inscriban nos roteiros por terras de Compostela do 19 e 26 de abril teñen a opción de “convidar” a algún coñecido que queira probar con nós a facer un roteiro (só se pode facer uso desta oferta unha vez).

A persoa convidada non pagará a actividade pero é preciso inscribila a través dos teléfonos do Servizo de Deportes antes do día da ruta.

A persoa convidada non pode participar máis que nunha ocasión. Pero si ten opción de inscribirse nos seguintes roteiros e convidar a algunha outra persoa.

Moi importante: Os convidados teñen que estar dados de alta no Servizo de Deportes para que a invitación sexa posible.