Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Sendeirismo en xuño

Ademais da serra da Groba, sobre o Val Miñor, os ríos son os grandes protagonistas das saídas do mes de xuño: nas terras composteláns, o Sarela e o Tambre, e a ruta da Auga en Guitiríz nas bacias dos ríos Parga e Ladroil.

Día 14: Roteiro polo río Sarela

 

  • Lugar e hora de saída: 17:00 h. Capela do Carme
  • Hora de remate: 19:30 h

O río Sarela ten uns 10 km de longo e un caudal medio de 500l/s. Cumpriu un papel fundamental no desenvolvemento humano da zona e hoxe en día conserva un importante valor ambiental e patrimonial que é preciso coñecer.

O percorrido, que será de ida e volta, levaranos ata O Romaño. Faremos en total uns 7 ou 8 km.

Día 16. Serra da Groba

 

  • Hora de saída: 09:00 h.
  • Hora de regreso: 20:30 h. aprox.
  • Lonxitude: 19 km
  • Desnivel: medio (de subida principalmente)
  • Dificultade: media (hai algún tramo curto de forte pendente e chan pedregoso)

Comezaremos a xornada visitando o mosteiro de Oia (só se pode ver a igrexa), e o porto. Logo o bus achegaremos a un punto da estrada que leva a Torroña, para comezar a ruta.

As paisaxes do percorrido son abraiantes, xa que ten moi boa vista sobre a costa. Tamén visitamos diversos puntos de interese, como os petróglifos da Pedreira as sobreiras do Faro, as pozas do río Mougás e o monte do Facho. A ruta remata na área recreativa de Chan da Lagoa. Podedes levar un bañador e unha toalla por si vai calor e vos queredes refrescar un pouco nas pozas do río, ou na praia de Baiona ao rematar, se houbese tempo. Non haberá servicio de socorrismo, polo que en caso de bañarvos, ten que ser baixo a vosa responsabilidade.

Día 28. Roteiro polo Tambre

  • Lugar e hora de saída: 16:30 h. Piscina Universitaria.
  • Hora de remate: 20:30 h.

Finalizamos os nosos roteiros polo Tambre con esta excursión que nos leva ata Negreira dende o lugar de Lens, seguindo o curso do río.  Como as anteriores, a ruta ten un alto valor ambiental. A súa lonxitude será duns 10 km aproximadamente.

Día 30. Ruta da Auga. Guitiríz

  • Hora de saída: 09:00 h
  • Hora de regreso:  19:30 h
  • Lonxitude: 19 km
  • Desnivel: moi baixo
  • Dificultade: media.

Esta é unha magnífica ruta para esta época do ano, xa que non ten desniveis e practicamente toda a ruta transcorre á beira dos ríos Parga e Ladroil,  con abundante sombra. Ten un alto interese natural. O sendeiro une tres fontes de augas curativas. Comeza en Parga e remata na capela de San Alberto, nunha fermosa paraxe. Aproveitaremos tamén para facer unha parada en Guitiríz e visitar a vila. Forma parte da rede de sendeiros homologados do noso país: é o PRG-99.

Consideracións xerais

Para inscribirse en calquera actividade deportiva é necesario estar dado de alta como USUARIO DE DEPORTES da USC para este curso academico (desde setembro de 2011 a agosto de 2012). Máis informacións en: www.usc.es/gl/servizos/deportes/normativas

  • Importes:  CAT. A: 0 € CAT. B: 4 € CAT. C : 6 €
  • Inscricións nas Oficinas de Deportes, sitas na Piscina Universitaria ou a través da nosa páxina web.
  • Prazo de inscrición: ata o anterior ao día da rota ou ata acabar as prazas se éstas se esgotan antes.
  • Número de prazas: mínimo 15. Máximo 45. (Se non se acada o mínimo de persoas procederase a anular a saída e a devolución do seu importe).
    Saídas: Tanto as saídas como as chegadas serán diante da Piscina Universitaria (Campus Sur).
  • Os menores deberán ir acompañados dunha persoa maior (pai, nai ou titor) que será en todo momento o seu responsable.
  • En caso de anulación, esta será admitida ata o mércores antes da ruta e sempre coa debida xustificación. 

 

Material necesario

  • Calzado cómodo e apto para facer sendeirismo.
  • Roupa cómoda e axeitada (roupa de abrigo e de auga, gorra e protector solar)
  • Mochila con comida e auga para o día.
  • Non estaría mal facer uso, tamén, dun bastón de sendeirismo, para axudarnos nas costas.  
  • Non esquenzades a vosa mochila con comida, auga e todo o que precisedes para a ruta.