Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Sendeirismo en xullo

Os parques e xardíns de Compostela, as parroquias de Boqueixón e un percorrido polo litoral entre Noia e Porto do Son son a oferta de sendeirismo de xullo que se completa cunha saída a Picos de Europa entre o 11 e 25 de xullo.

Día 5. Roteiro. Parques e Xardins de Compostela

  • Lugar e hora de saída: 17:00 h. Praza Pascual Veiga.
  • Hora de remate: 19:30 h.

Este itinerario levaranos por algúns dos parques e xardíns máis representativos da cidade. E aproveitaremos para disfrutar das zonas verdes e algúns elementos culturais de interés.

Día 12. Roteiro. Parroquias de Boqueixón

  • Lugar e hora de saída: 16:30 h. Piscina Universitaria.
  • Hora de remate: 20:30 h.

Para finalizar o programa de Roteiros facemos esta ruta que transcorre por zonas rurais do concello de Boqueixón, polas parroquias de Gastrar, Santabaia e Lamas. O percorrido ten uns 10 km de lonxitude aproximadamente.

Día 14. De Noia a Porto do Son (pola costa)

  • Dificultade: media
  • Desnivel: moi baixo
  • Lonxitude: 17 km aprox.

Esta ruta, que comeza nas proximidades de Taramancos, moi preto de Noia, nos leva ata Porto do Son todo o rato pola costa, cruzando diferentes e numerosas praias. Todo o percorrido se desenvolve cun marco incomparable de fondo: a ría de Muros e Noia.

A ruta conta con numerosos puntos de interese natural e paisaxístico.

Se as condicións meteorolóxicas o permiten, ao rematar a actividade poderemos desfrutar dun baño na praia.

E se fose posible, faremos unha visita ao castro de Baroña.

Do 21 ao 25 de xullo. Saída a Picos de Europa

Día 21:  Viaxe e ruta na costa de Asturias. Os bufones de Pría

Aproveitamos a viaxe  para facer unha pequena e interesante ruta na costa de Asturias: Os bufones de Pría. Os bufones son fendas feitas de xeito natural nos cantís que están conectadas con simas polas que nos días de forte temporal se filtra a auga do mar e sae á superficie cunha forza desmesurada, podendo acadar os 20 m de altura. A ruta ten un alto valor paisaxístico, polo bo estado de conservación deste tramo costeiro e tamén natural e xeolóxico.

A ruta comeza en Garaña preto do palacio da marquesa de Argüelles, hoxe convertido en hotel. Seguindo a estrada chegamos ao lugar de Llames e á  praia de Guadamía e a súa pequena ría. Aquí comeza o percorrido costeiro, fermoso, con espectaculares cantís. Nesta zona temos que ter coidado con posibles caídas e ser cautos.

Un pouco antes de chegar á altura do illote de Horcado de Cuevas, abandoamos a costa e regresamos ao punto de comezo. Logo seguiremos a nosa viaxe ata Espinama a onde chegaremos a última hora da tarde.

  • Lonxitude da ruta: 8km aprox
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: non ten

Día 22: ruta de Espinama a Mogrovejo. Visita a Potes e ao Centro de Recepción de visitantes de Tama. Ruta de Peña Oviedo e Mogrovejo.

Esta ruta ten un altísimo valor paisaxístico, natural e cultural. Comeza mesmo en Espinama e  lévanos ata Mogrovejo, preciosa localidade.

A ruta ten o maior desnivel de ascenso xusto ao comezo, xa que temos que acadar o alto da serra de Carielda. Dende aquí, por unha cómoda pista chegamos ao alto de Peña Oviedo, discreto cumio e fantástico miradoiro de toda a comarca. Logo o camiño continúa en descenso ata Mogrovejo onde rematamos. Aquí aproveitaremos para ver o museo do pobo.

Ao rematar a ruta desprazarémonos ata Potes para visitar o centro de recepción de visitantes do parque nacional e tamén a vila, si nos dese tempo

  • Lonxitude da ruta: 13 km aprox
  • Dificultade: baixa-media (polo desnivel en puntos concretos do traxecto)
  • Desnivel: medio 

Día 23: Ruta de Horcados Rojos e Áliva.

Para iniciar o percorrido temos que facer uso do teleférico de Fuente Dé, que xa nos deixa a unha altura considerable. O noso primeiro obxectivo e acadar o collado de Horcados Rojos. Dende aquí, grazas á súa privilexiada situación, poderemos contemplar os máis altos cumios do macizo central dos Picos de Europa.

Logo regresamos polo mesmo camiño e dirixímonos cara Áliva. En realidade son dúas rutas ben diferentes. A primeira parte a zona de Horcados Rojos ten unha abraiante paisaxe de alta montaña, onde predomina a rocha, e todo o percorrido é moi pedregoso, aínda que o camiño está ben sinalizado e é amplo. A segunda parte, xa en Áliva, é totalmente diferente, predominan enormes extensións de pastos de altura, onde vacas, cabalos, ovellas e cabras pastan a pracer, pero sempre coas altas montañas como telón de fondo.

Se alguén non quixera facer toda a ruta completa haberá opción de facer só unha parte, diminuíndo considerablemente, deste xeito, a dificultade e o desnivel da ruta. O custe do prezo do teleférico non vai incluído no prezo da actividade, e haberá que abonalo alí mesmo. Ten un custe de 9,50 € só a viaxe de ida.

  • Lonxitude da ruta: 22 km
  • Dificultade: media-alta (media, si só se fai unha parte da ruta)
  • Desnivel: medio-alto (longo descenso, aínda que só con tramos de forte pendente ao final)

Día 24:Ruta de La Hoya de los Becerros.

 

Esta ruta transcorre polas ladeiras norte do pico Coriscao o que fai que teña unhas panorámicas estupendas sobre os Picos de Europa. Case todo o percorrido é por zonas de bosques, agás o tramo máis alto, que é o que goza de mellores vistas.
Predominan os bosques, tanto de faias como de carballos e ten certa dificultade a ter en conta, debido ao desnivel, tanto de subida, como de baixada, pero os camiños son moi bos e moi cómodos.

Haberá opción de regresar polo camiño de subida, en vez de facela circular, o que reduce algo a dificultade da ruta.

  • Lonxitude da ruta: 15 km
  • Dificultade: media-alta (media, si regresamos polo mesmo camiño de subida)
  • Desnivel: medio-alto (tanto de subida, como de baixada)

Día 25: Visita a Santo Toribio de Liébana. Potes. Regreso a Compostela

 

Consideracións xerais

Esta actividades está organizada polo Servizo de Deportes da USC.

Para inscribirse en calquera actividade deportiva é necesario estar dado de alta como usuario de deportes da USC para este curso academico (desde setembro de 2011 a agosto de 2012).

Máis informacións en: www.usc.es/gl/servizos/deportes/normativas

  • Importes:  CAT. A: 0 € CAT. B: 4 € CAT. C : 6 €
  • Inscricións nas Oficinas de Deportes, sitas na Piscina Universitaria ou a través da nosa páxina web.
  • Prazo de inscrición: ata o anterior ao día da rota ou ata acabar as prazas se éstas se esgotan antes.
  • Número de prazas: mínimo 15. Máximo 45. (Se non se acada o mínimo de persoas procederase a anular a saída e a devolución do seu importe).
    Saídas: Tanto as saídas como as chegadas serán diante da Piscina Universitaria (Campus Sur).
  • Os menores deberán ir acompañados dunha persoa maior (pai, nai ou titor) que será en todo momento o seu responsable.
  • En caso de anulación, esta será admitida ata o mércores antes da ruta e sempre coa debida xustificación. 

Material necesario

  • Calzado cómodo e apto para facer sendeirismo.
  • Roupa cómoda e axeitada (roupa de abrigo e de auga, gorra e protector solar).
  • Mochila con comida e auga para o día.
  • Non estaría mal facer uso, tamén, dun bastón de sendeirismo, para axudarnos nas costas.  
  • Non esquenzades a vosa mochila con comida, auga e todo o que precisedes para a ruta.