Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Sendeirismo, rutas de febreiro

9, 14 e 23 de febreiro
Unha camiñada terras de Bande, unha saída nocturna até o cume do Pedroso e unha nova ruta na Ribeira Sacra lucense completan a oferta de sendeirismo de febreiro.

Día 9. Sábado. Camiño de San Rosendo I. Concello de Bande.

O Camiño de San Rosendo forma parte dos Camiños Naturais habilitados polo Ministerio de Medio Ambiente. Nesta ocasión faremos o tramo de Santa Comba ata Bande.

O camiño ten un alto interese natural pola súa vexetación formada por pequenos bosques ben conservados, e un alto interese cultural polas igrexas (destaca principalmente a de Santa Comba, que data do século VII), cruceiros e petos de ánimas que iremos vendo ao longo do percorrido, así como os restos do importantísimo campamento romano Aquis Querquennis que visitaremos e o centro de interpretación.

A paisaxe tamén xoga un papel interesante durante a ruta. Tamén visitaremos ao rematar o percorrido si nos dese tempo, as termas naturais que hai no lugar de Os Baños, onde os que gusten, poderán gozar  dun baño. Si así fose non esquezades levar  bañador e toalla. A xente con tensión baixa debe ter precaución.

  • Hora de saída:09:00 h
  • Hora de regreso:21:00 aprox.
  • Lonxitude da ruta: 16 km.
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade:media (pode haber moita lama)

Día 14. Xoves. Roteiro nocturno ao Pedroso

A actividade comeza diante da piscina universitaria.  Será unha ruta circular polos camiños do Pedroso e se o tempo acompaña poderemos gozar dunhas fermosas vistas da cidade pola noite dende o cumio. Cómpre levar lanterna e algún elemento reflectante así como auga e algo de comer.

  • Hora de saída: 19:00.     
  • Hora de regreso: 21:00h. aprox.    
  • Lonxitude da ruta: 8  km aprox.
  • Desnivel: medio    
  • Dificultade: media

Día 23. Sábado. Canón do Sil. Ribeira Sacra Lucense II.

Facemos o último tramo do sendeiro homologado PR-G157. Comeza a ruta onde rematamos a parte anterior, preto de Vilar de Mouros e iremos ata Parada, moi preto de Augas Mestas, onde o río Lor únese ao Sil. As vistas sobre a Ribeira Sacra son espectaculares e moi variadas. Ten tamén un alto interese natural pola súa biodiversidade, destacando pequenos bosques de especies de climas mediterráneos como sobreiras e érbedos. Predominan durante a ruta os sendeiros estreitos, con pedras e lama, con algúns puntos esvaradizos onde cómpre prestar atención.

  • Hora de saída: 09:00       
  • Hora de regreso: 21:00 aprox
  • Lonxitude da ruta: 17 km.
  • Desnivel: medio - alto (sobre todo de baixada)
  • Dificultade: media – alta (sendas pedregosas e esvaradizas)

Inscrición

As rutas de sendeirismo están organizadas polo Servizo de Deportes da USC. Para saber dos prezos e a inscrición pódense consultar: www.usc.es/deportes.