Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Sendeirismo en Semana Santa: Parque Natural de Sanabria

do 28 ao 31 de marzo
Nesta ocasión viaxamos ata terras de Zamora para coñecer uns dos máis espectaculares parques naturais da península: o parque natural de Sanabria. A súa flora, a fauna e a súa morfoloxía esculpida polos glaciares do cuaternario, fan deste parque un lugar único e abraiante.
  • Lugar: Puebla de Sanabria. Zamora
  • Saída de Santiago: 28 de marzo, xoves, ás 9:00 h.
  • Regreso a Santiago: 31 de marzo, domingo, ás 21:30 h. (aprox.).
  • Aloxamento en réxime de media pensión: Hostal Carlos V, en Puebla de Sanabria
  • Prazas limitadas (máximo 30)
  • Peche das inscricións:  15 de marzo
  • Reunión informativa: mércores 20 de marzo ás 20:00 h na piscina universitaria.

Aproveitaremos os 4 días para realizar diversas rutas de sendeirismo pola zona, así como centros de interpretación e algún outro elemento cultural de interese.

Faremos rutas de dificultade variable e moderada, iso sí, tendo en conta que a zona que visitamos é montañosa.

Tendes que levar a comida para as rutas.

Neste enlace tendes cumprida información sobre toda a comarca: www.turismosanabria.es/index.php

Rutas

Xoves 28. Ruta do Teixedelo.

  • Lonxitude: 10km
  • Dificultade: Baixa-media
  • Desnivel: Medio

De camiño a Puebla de Sanabria, un pouco antes de chegar, faremos a nosa primeira ruta que, aínda que está fóra do parque natural, non deixa de ter un alto interese natural, paisaxístico e cultural. É a ruta do Teixedelo.

Comezamos moi preto da localidade de Requejo, por unha pista de terra á beira do río Requejo ata chegar ao comezo da ruta propiamente dita. Pouco a pouco a pendente aumenta e ímos entrando nun bosque de carballos, deixando atrás zonas de uceiras. Chegaremos a un miradoiro natural, onde poderemos ver o bosque en case toda a súa totalidade, e dende aquí distinguiremos ben as zonas onde máis abundan os teixos, que é o principal tesouro desta ruta.

O Teixedelo é un dos mellores bosques de teixos da península e conta con numerosos exemplares milenarios. A zona está dentro da Rede Natura 2000 e está considerado LIC (lugar de interese comunitario).

Dende o miradoiro teremos que descender para internarnos na zona de teixos e poder disfrutar desta marabilla. Logo, só nos queda regresar polo mesmo camiño. Tamén veremos mediante algún panel interpretativo os usos tradicionais do bosque.

A dificultade da ruta está concentrada nun tramo do bosque, que pola súa pendente nos obriga a ir a modiño. Cómpre que xa levedes no bus a mochila preparada para a ruta.

Venres 29. Ruta da Fervenza de Sotillo.

  • Lonxitude: 15 km
  • Dificultade: Media
  • Desnivel: Medio

Esta é una das rutas máis coñecidas do parque natural. Comezaremos a camiñar mesmo na Casa do Parque, e facendo uso de camiños tradicionais chegaremos ata o pobo de Sotillo, onde remontando o val do rego das Truchas, e despois dunha forte subida chegamos á fervenza de Sotillo, o noso obxectivo do día.

Durante todo o percorrido poderemos disfrutar de fermosas paisaxes, así como dun dos mellores bosques do parque natural, onde predomina principalmente o carballo.

Gran parte do recorrido transcorre dentro do parque natural e ten un altísimo interese natural e paisaxístico

A última parte antes de chegar á fervenza ten certa dificultade, xa que a pendente é moi forte, o camiño é pedregoso e ten algún tramo no que hai que prestar atención xa que pode ser vertixinoso. Isto só ocorre antes de chegar á fervenza, xa que a volta será por outro camiño máis doado. Temos preparada una opción B, por se houbese algún problema.

Sábado 30. Ruta da Laguna de Los Peces e val do río Tera.

  • Lonxitude: 16 km.
  • Dificultade: Media
  • Desnivel: Medio

Esta ruta circular comeza nun dos lugares máis coñecidos de Sanabria: a Laguna de los Peces, xa a 1.700 m de altitude. A paisaxe é totalmente de montaña, non hai árbores e predominan as zonas de pasto de altura. As vistas son espectaculares.

O camiño, que empeza subindo suavemente, nos leva ata o fondo do val do río Tera logo dunha baixada, e moi preto de Pena Trevinca, teito dos sistemas montañosos galegos, compartido coa provincia de Zamora e que nesta ocasión non ímos subir.

A nosa ruta nos leva pola beira do pequeno encoro de Vega del Conde, o cal teremos que rodear, para coller outro camiño de volta ao sitio de partida.

Os camiños desta ruta en xeral son moi bos, salvo algún punto concreto. Debido á altura na que transcorre o itinerario non sería raro atoparse con algo de neve. Tamén hai que prestar atención aos desniveis, que sen ser moi fortes, si que son continuos nalgúns tramos.

Domingo 31: Ruta ao Pico Bubela.

  • Lonxitude: 10 km (máis 6 km, se se vai ata a lagoa de Sotillo).
  • Dificultade: Baixa-Media
  • Desnivel: Medio

O Pico Bubela e o seu cordal ata a Peña Resbalada son uns estupendos miradoiros naturais sobre o lago de Sanabria e toda a zona.

A ruta iníciase en Ribadelago Nuevo, e comeza subindo entre bosques, pasando pola lagoa de Carros, ata chegar á zona alta, moi preto do cumio do Pico Bubela. Dende aquí, en caso de dispoñer de tempo, podemos acercarnos ata a Lagoa de Sotillo. Logo hai que continuar polo cordal, en dirección Este, ata coller o camiño que nos leva de volta ata Ribadelago.

Como todas as rutas, esta ten un alto interese natural e paisaxístico. Predominan os camiños bos, aínda que poden ter lama.

Ademais das rutas de sendeirismo, intentaremos tamén visitar os centros de visitantes do parque natural así como algún outro lugar de interese cultural na zona.

Inscrición

As rutas de sendeirismo están organizadas polo Servizo de Deportes da USC. Para saber dos prezos e a inscrición pódense consultar: www.usc.es/deportes.