Fundación USC Deportiva USC
Inicio > Actividades > Actividades > Cartafol de actividade

Cartafol de actividade

   

Rutas de sendeirismo do mes de abril

13, 25 e 27 de abril
A banda ourensá da Ribeira Sacra; un tramo do camiño de Fisterra, na contorna de Compostela; e a Fraga do Barragán, en Pazos de Borbén compoñen o catálogo de rutas do mes de abril.

 

Día 13. Sábado. Ribeira Sacra III. Ruta por Parada de Sil

Volvemos por terceira vez neste curso á Ribeira Sacra, pero nesta ocasión visitaremos a parte sur, a zona de Ourense. Xa hai uns anos estivéramos en Parada de Sil facendo un tramo dunha senda marcada (o PR-G98). Agora faremos a parte que nos quedou sen facer. É un percorrido circular que comeza en remata mesmo en Parada. As vistas son espectaculares, aproveitaremos para visitar os miradoiros dos Mouros (tamén coñecidos como miradoiros de Madrid). Pasaremos por zonas de bosques, ríos, viñedos, veremos muíños restaurados e aldeas típicas. Son 10 quilómetros de pura paisaxe.

Pola tarde colleremos o bus para desprazarnos ata o río Mao e poder gozar da increíble beleza do seu canón. Alí faremos outro percorrido de 4 quilómetros, que maiormente transcorre por unha pasarela de madeira, moi sólida e segura, pero con algún tramo aéreo e que pode ser vertixinoso.

Os dous percorridos teñen unha grande e extraordinaria riqueza, tanto a nivel paisaxístico e natural como cultural e etnográfico.

  • Hora de saída: 08:00 h
  • Hora de regreso: 20:00 aprox.
  • Lonxitude da ruta: 10 + 4 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Día 25. Xoves. Roteiro polos arredores de Compostela.

Este roteiro o comezamos en Augapesada, no concello de Ames, e faremos un tramo do camiño a Fisterra no sentido inverso ata chegar a Santiago, vendo diferentes punto de interese natural, cultural e paisaxíxtico

  • Hora de saída: 16:30 h
  • Hora de regreso: 21:00 aprox.
  • Lonxitude da ruta: 12 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: baixa - media

Día 27. Sábado. Ruta da Fraga do Barragán. Pazos de Borbén

A senda da Fraga de Barragán é un auténtico tesouro natural no interior de Pontevedra. O percorrido que faremos é un sendeiro sinalizado e homologado, o PR-G164. Comeza no lugar de Xunqueiras, e é circular. A paisaxe é moi variada con zonas de monte, río, aldeas, aínda que predomina a zona de fraga. Ë un tesouro non só pola súa importancia natural, tamén polo seu patrimonio cultural, etnográfico e tamén o seu patrimonio inmaterial: lendas, cantigas…

Tedes cumprida información sobre a ruta e a súa importancia nesta web.

  • Hora de saída: 09:00.     
  • Hora de regreso: 19:00h. aprox.    
  • Lonxitude da ruta: 18  km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media