Rafael Dieste publica “O drama do cabalo de axedrez” nas páxinas do xornal vigués El Pueblo Gallego o 14 abril de 1927 e pouco tempo despois dá a coñecer A fiestra valdeira nunha lectura pública que fixo ás veces do seu discurso de entrada no Seminario de Estudos Galegos. Dieste incluirá “O drama do cabalo de axedrez” no seu libro de relatos Dos arquivos do trasno (1926) cando, en 1962, entrega á Editorial Galaxia a súa segunda edición.
Cando vai comezar a partida, decátanse de que o Cabalo Branco de Rei aínda non ocupou o seu lugar. Esa ausencia, desafiante, sacode a severa orde que goberna o taboleiro de xadrez. Con fachendosa rebeldía, o Cabalo Branco preséntase para facer saber a súa desconformidade co rol que representa, quere ser un máis, unha personaxe máis plena, máis capaz que un simple Cabalo.
O alegato do Cabalo Branco de Rei:
“Eu non quero ser un Cabalo, Cabalo e nada máis que Cabalo, pero tampouco quero ser Alfil, nin Peón, nin Torre, nin Rerr (Detense a tempo baixo os ollos acesos e agraviados do Rei e da Raíña e, en troques de dicir “nin Rei”, finxe un tusido e segue): Eu quero ser algo que sexa Cabalo e Alfil e Peón e Torre e..."
O Cabalo Branco de Rei quere ser unha peza de plenos poderes, autónoma, soberana para actuar libremente, quere ser, como remacha o Alfil, “o Xogador das Brancas”. Un desafío que retruca a toda a orde torta que se resume no parlamento da Raíña Branca: “¡Se cada un se contentase con ser-lo que é, como eu me contento con se-la Raíña Branca!”.
A aspiración do Cabalo Branco destapa os desexos e envexas íntimas doutras pezas como o Peón que soña con “ser el soíño todo o xogo” ou o Alfil que lle pon palabras as ansias de plenitude que case todas as pezas brancas aniñan:
“!Ser todo o Xogo. Quizais non estivese mal... ¡Se eu fose todo o Xogo, que xogo alfilino, alfilinísimo sería! ¡Zis, zas... zis! Mate. Acabouse”.
Un tirapuxa entre papeis rixidamente asinados polas normas e as aspiracións de liberdade e desenvolvemento persoal que Rafael Dieste condensa nunha narración dramática intensa e suxestiva no que o xadrez non é outra cousa que o teatro do mundo e da nosa vida.