A febre do xadrez é unha curtametraxe –de 30 minutos de duración– desenvolvido como unha comedia satírica na que o fío do argumento son as desavinzas que o xadrez causa a unha parella de namorados:o mozo obsesionado completamente co xogo, a noiva a quen nada lle interesa os enfrontamentos de negras contra brancas. A moza, frustrada e deprimida pola nula atención da súa parella, matina na súa separación cando atopa a Capablanca, o campión mundial e a historia dá unha viraxe inesperada. O pano de fondo é o interese masivo que espertou o xogo dos 64 cadrados na Unión Soviética co gallo do Trofeo Internacional de Moscova en 1925.
Para montar a súa cinta, Pudovkin e Shpikovsky usan escenas de partidas reais de xadrez, posiblemente dun torneo celebrado en Marienbad (Chequia) en 1925. Neses retallos documentais podemos ver xogar o cubano José Raúl Capablanca, o mexicano Carlos Torre Repetto, o estadounidense Frank Marshall, o británico Frederick Yates ou o eslovaco Richard Réti.
A presenza de Capablanca no torneo de Moscova xerou unha grande expectativa que contribuíu decisivamente á popularización do deporte no que foi rei indiscutíbel nos anos vinte do século pasado. Pudovkin e Shpikovsky aproveitaron a estadia do “Mozart do xadrez” na capital do país dos soviets para compoñer unha peza que inaugura unha longa tradición cinematográfica que ten o xadrez como tema central.
Alén da comedia, A febre do xadrez é tamén unha sorte de documental que rexistra a emerxencia da escola soviética na que se formarán algún dos mellores xadrecistas da historia e que logrará que o xadrez se convertese nunha das manifestación máis destacadas da vida cultural cotiá de milleiros de persoas nos territorios do antigo Imperio Ruso.
Requírese Flash!
"A febre do xadrez" (Versión resumida: 19 minutos)